Anuncios
Ticker de novas

O Concello de Nigrán repara a varanda da praia da Madorra, completamente corroída

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // A nova varanda da praia da Madorra.

O Concello de Nigrán reparou a varanda do paseo interior da praia de A Madorra, completamente corroída polo efecto da oxidación ao carón do mar e polo tanto insegura. A acción se enmarca na aposta do goberno local de rexeneración de toda a zona litoral (ademais de acadar o obxectivo primordial da Bandeira Azul en Panxón, xa se instalaron bancos por todo o sendeiro azul dende A Ramallosa a A Foz ou se rexenerou toda a zona da antiga fonte seca).

A intervención consistiu na substitución de 110 metros de tramo por unha nova varanda de estética similar pero de tubo de aceiro inoxidable de alta calidade, material moito máis resistente ao efecto da salinidade. O Concello realizou un investimento total de 15.500 euros nesta obra inaugurada no ano 2009 e cuxo pasamáns nunca fora reparado. Nas vindeiras semanas se colocarán bancos (agora inexistentes) co obxectivo de facer desta zona con fermosas vistas (e moi coñecida agora polos foráneos grazas ao libro e a película homónima “A praia dos Afogados”) nun paseo máis de referencia en Nigrán.

Neste eido, o Concello de Nigrán, dentro do seu programa “Un Nigrán para todos”, vén de instalar varandas no extremo da ponte romana de Ramallosa, na Foz, nas rúas Canido e Reverendo José María Pérez Alonso… “Son actuacións da cara a mellorar a accesibilidade e que demandan os propios veciños, neste caso da praia da Madorra trátase dunha reparación, pero a antiga resultaba completamente impracticable e incluso insegura do mal que se conservaba. A imaxe deste paseo co novo pasamáns cambiou radicalmente”, resume o alcalde, Juan González.

Anuncios