Anuncios
Ticker de novas

Baiona adhírese ao Plan Compost da Deputación con puntos de recollida nos Tendais e Sabarís

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Composteiro comunitario nos Tendais.

O Concello de Baiona adheriuse ao Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra coa instalación de dous puntos de composteiros comunitarios, un no barrio dos Tendais e outro no Camiño do Carme, na parroquia de Sabarís.

O proxecto posto en marcha dende a Concellería de Medio Ambiente pretende o aproveitamento da materia orgánica, posto que constitúe practicamente o 50% de todos os residuos urbanos, polo que o Concello anima aos baioneses a utilizar os composteiros xa instalados.

Segundo os datos do departamento municipal, a produción dun cidadán en Baiona é de aproximadamente 400 gramos de materia orgánica diaria e considérase que o sistema empeza a ser rendible se se recolle arredor de 250 gramos. Desta forma poderían aforrarse uns 20 euros por habitante e ano en tratamento deses residuos, xa que de cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense 15 quilos de compost.

“A Unión Europea pretende que no ano 2020 recíclese un 70% dos residuos urbanos que se xeran, e Baiona dentro do plan Revitaliza da Compostaxe aspira a este obxectivo, xa que supón vantaxes económicas e ambientais”, apunta María Iglesias, concelleira de Medio Ambiente.

O Concello destaca que coa compostaxe afórrase en fertilizantes e mellórase a calidade das terras e plantas, sen elementos químicos, fortalécense o chan do céspede, dos arbustos, das árbores e da horta, cunha calidade de asimilación incomparablemente superior á de sustancias químicas ou substratos de orixe descoñecida que compramos.

Dende Medio Ambiente apuntan tamén que o compost vigoriza a terra e favorece a actividade da vida microbiana, evita a erosión e o lixiviado dos nutrientes e, en xeral, potencia e favorece toda a actividade biolóxica dos chans, que é a mellor garantía para previr pragas e enfermidades nos vexetais.

“Contribuímos a reducir a contaminación ao non utilizar axentes químicos e evitar a incineración, facemos do lixo un recurso e pechamos o ciclo da materia orgánica, o que sae da terra volve á terra, reducindo tamén o consumo de combustibles para o transporte”, engade a concelleira.

As campañas municipais tamén demostran que as familias que participan na reciclaxe e separan correctamente a parte orgánica melloran tamén as cocientes de separación de envases, cartón e vidro.

COMPOSTEIRO COMUNITARIO EN SABARÍS

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Composteiro comunitario en Sabarís.

Anuncios