Anuncios
Ticker de novas

O Trofeo Baitra reunirá en Baiona aos mellores regatistas galegos de vela infantil

FOTO: ROSANA CALVO

O próximo fin de semana regresa a Baiona unha das citas anuais máis importantes coa vela de base en Galicia, o Trofeo Baitra de vela infantil, organizado un ano máis polo Monte Real Club de Yates co patrocinio da empresa baionesa Baitra Accesorios Navales.

Nesta nova edición da competición, uns sesenta novos regatistas representarán aos principais clubs náuticos de Galicia, como o Real Club Náutico de Vigo, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Marítimo de Canido, o Real Club Náutico Rodeira (Cangas) ou o Monte Real Club de Yates, como club anfitrión.

A vela fluvial tamén estará presente da man do Club de Vela As Pontes; e a bandeira de Portugal ondeará nas embarcacións dos alumnos da Escola de Vela BBDouro – We Do Sailing, que chegarán a Baiona desde Vila Nova de Gaia.

As regatas, organizadas para as clases A, B e C de Optimist e as categorías Sub 17 e Sub 19 de 420, disputaranse durante dúas xornadas, o sábado 20 a partir das dúas e media da tarde e o domingo 21 desde as once e media, sempre en augas da baía baionesa.

O comité de regata preparará para os participantes varios percorridos delimitados con boias sobre un campo en forma de trapecio, que se poderá divisar desde a península do Monte Boi e as praias e montes máis próximos á baía. Ao finalizar as seis probas programadas, as instalacións do Monte Real acollerán a entrega de premios aos gañadores, prevista para o domingo ás catro e media da tarde.

Na edición anterior do Trofeo Baitra, celebrada en 2016, alzouse coa vitoria o novo regatista do Club Marítimo de Canido Ricardo Fernández, de apenas 12 anos. Os tres primeiros postos que logrou nas cinco mangas disputadas elevárono ao máis alto do podio, tanto da xeral como da clase Optimist A.

A edición de 2016 tamén se celebrou, do mesmo xeito que a presente, grazas ao patrocinio de Baitra, unha empresa dedicada á comercialización e distribución de accesorios e equipos navais de calidade, con sede en Baiona, que desde hai anos mantén unha firme aposta pola vela infantil en Galicia.

Anuncios