Anuncios
Ticker de novas

Sen pediatra substituto no Centro de Saúde de Baiona

FOTO: BNG // Os concelleiros do BNG coas reclamacións presentadas no Centro de Saúde de Baiona.

Os concelleiros do Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas en Baiona presentaron no día de hoxe, xunto a varias afectadas, reclamacións no Centro de Saúde baionés por non dotar o SERGAS de substitucións do pediatra no mesmo centro no caso de vacacións ou baixas.

A reclamación ten orixe ao ter coñecemento o Grupo Municipal do BNG, a través de afectadas que se dirixiron a eles, de que tanto os pasado 28 de abril como os días 2, 12, 15 e 16 de maio no Centro de Saúde non se puido prestar asistencia pediátrica pola ausencia do seu pediatra titular, derivando as consultas ao Centro de Saúde do Val Miñor (Xunqueira).

Esas ausencias significaron na práctica que en Baiona non houbo asistencia pediátrica durante cinco días, localidade que conta cunha poboación de 12.000 persoas. Os usuarios e usuarias víronse así na obriga de ter que desprazarse a un centro alternativo, situado a cinco quilómetros de distancia, cos conseguintes atrancos na mobilidade que iso leva.

Ademais das reclamacións presentadas o BNG-AA realizará unha campaña de difusión da cuestión, facilitando modelos de reclamación para que as afectadas e afectados as presenten no propio Centro de Saúde baionés.

Con iso, o BNG-AA considera que ante esta acción a dirección do SERGAS debe obrar en consecuencia e poñer a disposición do Centro de Saúde de Baiona dun pediatra substituto sempre que sexa necesario.

Anuncios