
O Pleno da Corporación do Concello de Baiona aprobou este xoves de forma inicial os orzamentos para 2021, cos votos a favor dos 10 concelleiros que conforman o equipo de goberno. O pleno deu así o seu visto e prace a un orzamento municipal de Baiona que se incrementa nun 10,72%, de 8.990.323,96 euros a 9.954.498,23 euros (964.174,27 euros), un teito que garante a prestación dos servizos, con eficiencia e eficacia, para os veciños e veciñas do municipio, aumentando considerablemente a partida destinada a emerxencia social e que potencia os investimentos e actuacións na vila.
Os orzamentos aprobados hoxe son, en palabras do rexedor municipal “realistas, adaptados á situación socioeconómica actual. Ante esta conxuntura, os orzamentos deste ano céntranse fundamentalmente na continuidade dos servizos prestados polo concello aos veciños e veciñas do municipio, cunha clara orientación ao gasto social”. O plan económico dobra en máis dun 100%, concretamente un 110%, a partida de emerxencia social respecto a 2016. 40.000 euros que se destinarán a veciños e veciñas con dificultades e sobre os que non se descarta unha ampliación do montante en función das circunstancias. Neste punto Gómez quixo poñer como exemplo a xestión do anterior goberno que “se xactaba de non gastar a partida de emerxencia social cando no ano 2016 123 familias acudían á ONG de Baiona a solicitar axuda. Outro exemplo para facernos unha idea de como gobernaban é que practicamente a totalidade da partida de servizos sociais gastábase na comida da terceira idade. Deixando claro con estes exemplos a falta de sensibilidade do Partido Popular en materia de servizos sociais”.
Tamén se destinan 18.000 euros para afrontar gastos de adquisición de libros de texto e material escolar, así como os gastos de transporte e de comedor escolar.
No documento tamén se reserva outra partida de 250.000 para os gastos de desinfección e limpeza dos colexios, 100.000 euros máis respecto a 2019. “Son dúas cuestións precisamente competencia da Xunta de Galicia pero que por responsabilidade asumimos desde o Concello, non contabamos con que nin sequera sufragasen o custo de limpeza extra dos colexios e vémonos no deber de aumentar esa partida”, destaca o rexedor Carlos Gómez Prado.
Outro apartado importante é o destinado ao apoio do consistorio ás asociacións culturais, sociais e deportivas do municipio. Un total de 100.00 euros destinaranse á firma de convenios co nutrido número deste tipo de entidades. Neste punto Gómez destaca que “este equipo de goberno ten un gran compromiso coas distintas asociacións da nosa vila. Un forte compromiso de apoio ás actividades dos diferentes colectivos baioneses xa que o seu labor é fundamental no municipio para crear un tecido social que reforza a nosa localidade”.
O capítulo de investimentos ascende a un total de 928.789,58 euros. O montante na súa gran maioría destinarase a obras e melloras nas distintas parroquias do municipio con cargo de case 600.000 euros ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Contémplase un plan de mellora de camiños municipais, melloras na iluminación con cambios de luminarias por tecnoloxía led, proxectos de saneamento, pavimentación de vías públicas ou rehabilitación do patrimonio. Pola súa banda, o alcalde, Carlos Gómez, incide en “facer importantes investimentos no rural, outra das grandes apostas deste equipo de goberno, de feito este ano, gran parte do Plan Concellos irá destinado á mellora das nosas parroquias”.
No capítulo dedicado ao persoal municipal, recóllese o incremento das retribucións dos empregados públicos para 2021, que se elevarán un 0,09%, segundo a previsión anunciada polo Goberno de España. Unha subida que non se aplicará aos representantes políticos que forman parte do equipo de goberno municipal.