Sin categoría

Triunfo agónico do Cereixa para recuperar o liderado

Triunfo agónico do Cereixa Gondomar FS para recuperar o liderado nun partido espeso dos visitantes que se xogaban gran parte das súas aspiracións ligueiras. E é que, en caso de perder, xa non dependerían de si mesmos para gañar esta liga tan competida.

O partido dos locais foi serio e intenso e a pesar de que se xogaban pouco e nada, souberon competir poñendo contra as cordas aos de Vincios.

O Beade FS adiantábase no marcador mediada a primeira parte e non foi ata os minutos finais cando Luca, revolvíase do seu marcador para empatar o partido (1-1). Aínda co visitante festexando, o Beade FS sacaba rapidamente e En Bolás disparaba cruzado para atopar a un compañeiro libre de marca no segundo pau (2-1).

Descanso e xogadores a vestiarios.

A charla táctica deixou paso á emocional porque era o que tocaba se o partido quería remontarse. Non podía deixarse escapar esta oportunidade e iso pasaba por cambiar a dinámica do partido.

Arrancou a segunda metade e o Beade FS volvía golpear noutro fallo defensivo (3-1). O visitante pasou os seus peores momentos no partido pero Huguito Gonzálvez primeiro con algo de fortuna e logo de forte disparo cruzado empataba o marcador (3-3). Parecía que o partido cambiaba de dono pero o Cereixa FS estaba descoñecido na presión e as coberturas; outro pase ás costas deixaba a un xogador local en boca de gol e o partido poñeríase novamente costa arriba (4-3).

O equipo foise arriba tentando queimar as súas últimas opcións e o local poñíase con cinco faltas en contra a falta de dez minutos… Ese foi o punto de inflexión do partido onde o Cereixa FS con xogadores de habilidade podía poñerse en condición de disputar de lanzamentos do dobre penalti. Unha man cortando un avance visitante era a primeira oportunidade para Huguito Gonzálvez que non fallaba (4-4).

Faltaban poucos minutos e Diego Rodríguez encaraba no un para un para salvar ao seu marcador e chegaba outra falta; novamente o 4 do Cereixa FS transformaríao gol (4-5).

No final o local xogoulla con porteiro xogador pero o Cereixa FS soubo sufrir e quedou cos tres puntos.

Final e outra vez o liderado en man dos visitantes que se poñen con tres puntos de vantaxe e seis por xogar. A descansar e a preparar a difícil saída a Mos que seguro será determinante.