Anuncios
Ticker de novas

Raúl Fernández consegue a vitoria na primeira edición do Desafío Talaso Atlántico

FOTO: CICLISMO OIENSE

As localidades de Oia e Baiona acolleron este domingo a primeira edición do Desafío Talaso Atlántico, proba organizada por Ciclismo Oiense e apadriñada por Óscar Pereiro, vencedor do Tour de Francia do ano 2006 e que abre o calendario de marchas cicloturistas da Federación Galega de Ciclismo.

A proba, que contou con máis de 70 inscritos, partiu ás 10:00 horas das instalacións do Hotel Talaso Atlántico. O pelotón percorreu un tramo neutralizado chairo de 23 km por Baredo, Faro de Cabo Silleiro, Oia (capela de San Sebastián) e Porto de Oia.

Ás 11:00 horas desde o nivel do mar (altitude 00), diante do Mosteiro Cisterciense, deuse a saída ao prato forte da xornada, a Crono-Escalada Cicloturista de 17 km pola Valga, Torroña e o Alto da Serra da Groba (altitude 633), con meta no final de etapa da Volta Ciclista a España do ano 2013. Unha vez avituallados e repostas as forzas, a marcha renovouse para percorrer os restantes 20 km neutralizados por Chan da Lagoa, Baíña, Baiona e finalizar no Talaso Atlántico despois de percorrer 60 km.

Na chegada ao Talaso procedeuse á entrega de obsequios, consistentes en bonos regalo de estancia para 2 persoas con almorzo e percorrido de talasoterapia incluído, aos primeiros de cada categoría da crono-escalada, ao club con máis participantes e ao participante máis veterano.

Rematou a xornada coa comida fin de marcha, cun menú especial para deportistas deseñado por un nutricionista do Hotel Talaso Atlántico.

Raúl Fernández Lorenzo proclamouse vencedor da proba. O corredor do Club Ciclista Cambre Caeiro finalizou cun tempo de 43:10.822. Luís Rodríguez Gómez, do Máster da Coruña, foi segundo (43:29.967) e Carlos Alonso Vicente, de Ciclismo Oiense, terceiro (43:33.373).

Clasificación por Categorías

Clasificación Xeral

Anuncios