Rubén de Lis e a Agrupación Musical de Belesar actuarán en Baiona no Día das Letras Galegas

FOTO: MARYHELEN CHAGAS

O músico Rubén de Lis, natural de Gondomar, presentará o próximo 17 de maio en Baiona o seu novo disco. Coincidindo co Día das Letras Galegas, actuará ás 18:00 horas no Parador de Baiona xunto coa Agrupación Musical de Belesar, nun concerto titulado “En clave de folk”.

“ConfraternizaFolk” é un disco de música popular galega, cun repertorio de composicións con influencias irlandesas, escocesas, portuguesas e sobre todo celtas. Son 9 cancións de autoría propia onde a guitarra ten un papel principal, solista.

Despois de 2 anos vivindo en São Paulo, comezou a estudar na Facultade de Música UNIMES-Santos, en Tabuaté. Paralelamente estivo a xirar por todo Brasil e facendo concertos e workshops de música. Formouse en “Violão Popular Brasileiro” pola ABED (Associação Brasileira de Educação a Distância), e por IELA (The Internacional E- Learning Association) en São Paulo, Brasil.

“Estudando a música popular brasileira e os seus grandes compositores, como Tom Jobim, Gilberto Gil, Vinicius de Morães, Caetano Veloso, Roberto Menescal, e un longo etc. aí naceu no meu corazón compoñer e gravar un disco de música popular galega, un disco con música de raíz, coa música e cultura de onde eu son e onde me criei, Galicia… ademais é un disco didáctico, onde eu dispoño as partituras para reforzar e animar a divulgar a música folk e a nosa marabillosa música e cultura galega”, destaca o músico gondomareño.

Durante este tempo tamén deseñou a Tab World Music, unha regra de tabulación e simboloxía para axudar e alfabetizar a calquera persoa para a aprendizaxe de música, guitarra e outros instrumentos, sen a necesidade de saber solfexo, xunto co método do mestre Sidney Lissoni. “Por suposto, a idea é axudar a facelo máis fácil, non substituír a lectura do solfexo, cun enfoque didáctico”, comenta de Lis.

TAB WORLD MUSIC DE RUBÉN DE LIS
FOTO: RUBÉN DE LIS

O 2016 lanzou ademais en Brasil dous libros didácticos de guitarra e violão escritos por el mesmo en portugués.

Finalmente, cabe destacar, que a guitarra que podemos ver na portada de “ConfraternizaFolk” está feita especialmente para Rubén de Lis por un dos Luthieres máis coñecidos de São Paulo, e que traballa a nivel mundial, Regis Bonilha. “Despois de varios meses de probas e buscando un son acorde co estilo timbre e calidade, chegamos a esta primeira guitarra signature Regis Bonilha-Rubén de Lis coa que gravei o disco”. O instrumento está feito con tapa de abeto alemán, aros e fondo de fresno, brazo de cedro brasileiro e diapasón de ébano.

CONFRATERNIZAFOLK DE RUBÉN DE LIS

Anuncios