Felipe Villar: “Ten moito mérito ser o único festival de jazz finalista e xa por segundo ano consecutivo”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O festival Nigranjazz, organizado dende o Concello de Nigrán, vén de resultar seleccionado finalista por segundo ano consecutivo dos premios Martín Códax da música. Este foi elixido na cuarta edición xunto a Surfing the Lérez Festival (Pontevedra) e o Pardiñas (Guitiriz) na categoría de mellor festival, á que se presentaron 24 candidaturas de toda Galicia.

Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de Músicos ao Vivo mediante votación online entre un total de 449 proxectos inscritos: 386 grupos, 17 salas, 24 festivais e 21 espazos de comunicación musical. O xurado, que tamén fará as súas escollas a través do sistema de votación online, será secreto ata o final do procedemento e os gañadores daranse a coñecer o 3 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra.

“O Nigranjazz é un proxecto que comezamos hai dez anos e que nos sitúa xa como un referente a nivel nacional en canto a jazz se refire”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca que dende o Concello xa se está pechando a próxima edición “mantendo o compromiso de traer aos mellores músicos internacionais ao tempo que se lle dá un espazo tamén aos galegos”. “Entre tanto certame existente con música comercial, ten moito mérito ser o único festival de jazz finalista e xa por segundo ano consecutivo. Polo Nigranjazz desfilaron algúns dos mellores músicos do mundo e seguimos con ese compromiso de que a calidade artística prime por riba de todo”, sinala Felipe Villar.

O Nigranjazz, festival máis senlleiro do Concello de Nigrán, cumpriu unha década o ano pasado, sendo o máis lonxevo organizado dende o consistorio e o único dedicado ao jazz de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan. A diferenza doutros festivais, aposta por un jazz puro, afastado das vangardas. Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza. Dende entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek ou este ano o afamado guitarrista americano Kurt Rosenwinkel.

Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos. Compre destacar que o Nigranjazz outorga tamén especial relevancia á relación galaico-portuguesa, consagrando algunha edición unicamente a elo e invitando sempre a artistas lusos a participar.

A permanencia en Nigrán ao longo destes anos xerou un especial interese por esta música na comarca, congregando cada vez a máis público no esteiro de A Foz: fieis seguidores que non faltan dende a primeira edición e veciños e turistas que cada vez fan máis multitudinario este evento, alleo por completo á música comercial.

Finalmente, cómpre mencionar outro dos signos de identidade do festival, que é o concurso de carteis de cada edición, dedicado ao veciño de Nigrán Quin Alborés, deseñador gráfico e organizador do Nigranjazz ata a súa morte. Tamén hai que subliñar a master-class que tradicionalmente imparte o conxunto estrela ou as distendidas jam-sessions posteriores aos concertos.