Nigrán instala os primeiros colectores-dispensadores para excrementos caninos da comarca

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán rematou onte a instalación de dez colectores para excrementos caninos nos puntos máis empregados para o paseo dos animais, sendo estes os primeiros sanecáns de toda a comarca. Os dispositivos, debidamente sinalizados para resultar visibles e co lema “Recolle as cacas do teu can, é a túa responsabilidade”, dispensan tamén bolsiñas-guante e están situados en Priegue (ao lado do quiosco, na avenida Pablo Iglesias), Nigrán (Praza Rosalía de Castro e Concello), Ramallosa (Parque da Alameda de San Campio e parque Carlos Casares, no entorno da piscina mancomunada) e Praia América (paseo dende Panxón a Lourido). O obxectivo que se persigue é facilitar aos donos de cans as tarefas de limpeza e, simultaneamente, concienciar á veciñanza da irresponsabilidade e incivismo que supón non recoller os excrementos da rúa, unha acción sancionada ata con 600 euros de multa.

«Damos resposta a unha demanda veciñal e contribuímos a concienciar sobre as obrigas que leva ter animais. Estes son os primeiros en instalarse, proximamente se irán engadindo máis a outras zonas que tamén o demandan», explica Diego García, concelleiro de Medio Ambiente. Os sanecáns serán baleirados diariamente por traballadores de Cespa, mentres que operarios municipais se encargarán da reposición tamén diaria das bolsiñas-guante para que sempre poidan estar operativos.

Esta campaña realizouse a custe cero para o Concello ao correr toda a cargo dos fondos que a concesionaria Cespa debe achegar a medidas de concienciación social (a partida total neste ámbito é de 8.000 euros anuais). O modelo elixido de sanecán é o “Madrid”, fabricado en aceiro cun pintado verde antigraffiti e cun colector central con capacidade para 55 litros e dous dispensadores de bolsas-guante de 100 unidades cada un deles.

Anuncios