Baiona presenta a Arribada no corazón do Algarve

No décimo aniversario do Irmandamento con Vila do Bispo, Baiona presentou a súa Arribada máis internacional no berce da navegación portuguesa, na Fortaleza de Beliche (Sagres). Con toda a prensa do Algarve presente, presenciaron o vídeo promocional deste ano e a importancia da Real Vila no feito histórico do descubrimento de América.

Unha delegación de Baiona encabezada pola tenente de alcalde e Concelleira de Cultura, María Iglesias Fernández, que destacaba na súa intervención a transcendencia do descubrimento de América. “En apenas 15 días a Real Vila de Baiona engalánase para conmemorar un importante acontecemento, o 526 Aniversario da chegada da Carabela Pinta coa nova do Descubrimento de América, unha «Arribada» que converteu á Real Vila na primeira localidade de Europa en coñecer a existencia do Novo Mundo”.

Na festa, ambientada na Idade Media, escenifícase o momento no que Martin Alonso Pinzón, capitán da Pinta, chega a Baiona o 1 de Marzo de 1493, e transmite ao corrixidor da localidade o descubrimento do continente Americano. Para iso, soa música medieval, as rúas énchense de xograres, malabaristas e artesáns que reviven aquela época converténdoa na festa histórica máis importante do noso país.

Tal como móstrase no vídeo promocional desta edición, son moitas as teorías ao redor do magno acontecemento, pero o importante, o realmente importante é «volver para contalo», ese regreso é o que pon a Baiona no mapa ao facerlles formar parte dunha historia que cambiou a visión da humanidade.

“Desde España para o mundo, desde Galicia e a súa entrañable cultura tan mesturada coa portuguesa e desde o máis profundo latexar de Baiona ao corazón de Sagres, onde deixou a súa pegada inesquecible o ilustre Don Enrique o Navegante, non podo imaxinar mellor enclave para impulsar, promocionar e expandir a nosa Festa da Arribada, declarada de Interese Turístico internacional”, engadiu Iglesias.

España e Portugal, foron no século XV dúas potencias mundiais da navegación, países que avanzaron e descubriron neste ámbito os máis grandiosos feitos reflectidos nas páxinas da historia universal.

A tenente alcalde estivo acompañada polo concelleiro de Seguridade Cidadá, Raúl Costas Lafuente, o presidente da Asociación de Empresarios, Marcos Comesaña, e veciños da localidade Irmá de Palos de la Frontera, que se achegaron a arroupar o acto.

Pola súa banda, o presidente da Cámara de Vila do Bispo, Adelino Soares, convidou á Presidenta da Cámara Municipal de Lagos, Presidenta da Asemblea Municipal de Vila do Bispo, Vereadores, Presidente da Xunta de Fregresia de Sagres e Vila do Bispo, a Dirección Rexional de Educación do Algarve, demais autoridades locais e medios de prensa acreditados.

O Presidente da Cámara de Vila do Bispo, mostrouse encantado de que Baiona presentase a Festa da Arribada na súa localidade e destacou a importancia histórica da Vila, os lazos que unían a ambos os pobos e animou a todos os presentes a coñecer Baiona nesta fabulosa Festa ou en calquera época do ano.

2019-02-16 - 67A63656-4122-4ECA-BA86-74E573042445

Anuncios