Prata para Diego Otero e bronce para Cristian Suárez no Campionato de España júnior e escolar

Os baioneses Diego Otero e Cristian Suárez volven con senllas medallas do Campionato de España júnior e escolar de Loitas Olímpicas que se celebrou este sábado no Palacio dos Deportes de Oviedo.

Diego conseguiu a medalla de prata en 60 kg júnior, modalidade de Loita Libre Olímpica. Desta maneira proclámase subcampión de España da categoría dúas semanas despois de conseguir o título de campión de España 58 kg cadete. Pola súa banda, Cristian alzouse coa medalla de bronce na categoría de 73 kg Escolar Masculino de Loita Olímpica.

Ambos os dous deportistas, do Club de Loita Sabarís, formaron parte da expedición galega, que contou cun total de 63 integrantes, sendo unha das comunidades autónomas con maior representación: 26 deportistas júniors e 24 escolares, acompañados por 5 árbitros e 8 técnicos.