Gondomar e Radio ECCA facilitarán o acceso de adultos ao Graduado da ESO

O goberno local de Gondomar, a través da súa Concellería de Formación e Emprego, poñerá en marcha cursos dirixidos a adultos para facilitar a súa titulación no Ensino Obrigatorio. Así se acordou esta mañá no encontro mantido polo rexedor da localidade, Paco Ferreira, coa delegada de Radio ECCA en Galicia, Paula San Juan, e Patricia Pousa, técnica de proxectos da organización.

Dirixidos a maiores de 18 anos estes cursos, que inicialmente comezarán a impartirse o ano que vén, preséntanse como unha alternativa ao actual sistema da “proba libre” onde o número de aprobados, segundo explicou a delegada de Radio ECCA, é cada ano menor debido ao nivel de esixencia e dedicación que precisa a preparación deste exame.

Os cursos do programa que se poñerá en marcha en Gondomar dividiranse en catro módulos ofrecendo así a posibilidade de adaptalos ao nivel e necesidades de cada alumno, e facilitando a conciliación coas cargas familiares ou laborais, dependendo do caso. Cun método semipresencial, poderán estudar a materia a través de audios e libros sobre os que traballar, así como coa asistencia a titorías dúas veces á semana no municipio onde poderán resolver calquera dúbida.

O Concello de Gondomar sería o primeiro da provincia de Pontevedra no que se utilizará este proxecto de formación, que xa está a funcionar en diferentes concellos do territorio español e que facilita a obtención do título oficial da ESO recoñecido polo Ministerio de Educación.

O alcalde da localidade, Paco Ferreira, sinala a importancia deste tipo de accións “porque ademais de potenciar a formación e educación entre persoas que, por distintas razóns non puideron completala no seu momento, tamén supoñen un paso máis para axudalas a acceder ao mercado laboral”.

“Trátase de poñer ao alcance dos nosos veciños todas as ferramentas posibles para incrementar as súas opcións de atopar un emprego e mellorar a súa calidade de vida”, manifestou Paco Ferreira.

Radio ECCA é unha Fundación sen ánimo de lucro, que naceu en Canarias no ano 1965 como centro educativo e de aprendizaxe, que emprega as novas tecnoloxías para facer o seu labor educativo. Con sedes en diferentes comunidades autónomas, en Vigo funciona desde hai máis de 40 anos apostando por levar a mellor formación posible ao maior número de persoas, principalmente a quen máis necesidades educativas teñen. Máis de 2 millóns de persoas formáronse a través de Radio ECCA ao longo da súa historia.