Baiona agarda a mellor Semana Santa dos últimos anos con reservas hoteleiras superiores ao 85%

FOTO: MONTE REAL CLUB DE YATES

O Concello de Baiona agarda que a Vila rexistre a mellor Semana Santa dos últimos anos en base ao índice de ocupación hoteleira previsto e xa ten programados todos os actos e actividades destinadas a baioneses e visitantes.

Segundo os datos rexistrados tanto na Oficina de Turismo de Baiona como no portal de reservas Booking, os hoteis esperan a día de hoxe unha ocupación superior ao 85 por cento. O ano pasado, na Semana Santa do 2016, a ocupación hoteleira roldou o 60% e houbo moitas cancelacións de última hora debido ao mal tempo. Agora, as boas previsións meteorolóxicas para esta próxima semana animaron o incremento de reservas.

No período comprendido entre o día 20 (Domingo de Ramos) e o 28 de marzo (Domingo de Pascua) de 2016 un total de 2.710 persoas pasaron pola Oficina de Turismo de Baiona, sendo os días de maior afluencia o mércores e o sábado.

Visitas guiadas gratuítas

Para esta Semana Santa, os responsables de Turismo xa deseñaron de forma gratuíta rutas guiadas o xoves 13, venres 14 e sábado 15 de abril, ás 11:30 horas. A saída será desde a Oficina de Turismo de Baiona (entrada ao Parador) sen que sexa necesaria a inscrición previa.

Durante aproximadamente unha hora e media, unha guía oficial de Galicia, especializada na materia e habilitada para tal fin, realizará cos participantes un percorrido polo Centro histórico de Baiona e Paseo Ribeira. Entre outros lugares visitaranse o Encontro entre Dous Mundos, Convento das Dominicas, Capela da Misericordia, Ex-Colexiata de Sta. María e a Capela de Santa Liberata.

A Concellería de Turismo organiza cada ano estas visitas para ofrecer ao visitante unha visión máis profunda sobre a historia da Vila e os seus amplos recursos históricos, patrimoniais e naturais. Para máis información: Oficina de Turismo de Baiona. Tel. 986 68 70 67; oficinadeturismo@baiona.org

Procesións de Semana Santa

Este xoves e venres, días 6 e 7 de abril, comezou xa o programa de actos e cultos da Semana Santa baionesa coas conferencias coresmais na Capela da Misericordia organizadas pola Adoración Nocturna en colaboración coa Santa Casa.

A Concellería de Cultura e a Santa Casa de Paz e Misericordia xa teñen pechadas as procesións da Semana Santa, que comezarán este domingo, Día de Ramos, coa tradicional bendición de Ramos e Palmas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas (12:00 horas), para seguir coa procesión cara á Igrexa Parroquial.

O Xoves Santo (20:00 horas) sairá acompañada pola Banda de Música de Baiona, desde a Capela da Misericordia, a Solemne Procesión dos Pasos, organizada pola Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia.

Pola súa banda, o Vía Crucis na Igrexa Parroquial iniciará a xornada do Venres Santo (10:00 horas), desde onde sairá ás 20:00 horas a Procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda de Música de Baiona. Ás 23:00 horas sairá desde a Igrexa Parroquial a Procesión da Soidade (só para mulleres).

Xornadas gastronómicas na Lonxa

A Confraría de Pescadores de Baiona organiza entre os días 13 e 15 as Xornadas Divulgativas Gastronómicas na Lonxa. A mostra culinaria terá postos de artesanía, escenas mariñeiras (puxas públicas e degustacións) e obradoiros artesanais para familias.