O CB Nigrán homenaxea a “Tino” na súa festa de presentación para esta tempada

O Club Baloncesto Nigrán viviu hoxe domingo a festa de presentación dos seus 10 equipos para esta novo tempada 2022/2023 que terminou cunha emotiva homenaxe a “Tino”, traballador do pavillón municipal, recentemente falecido. O acto comezou co desfile dos dez equipos que competirán esta tempada e que fixeron a súa aparición en pista a golpe dunha banda sonora específica para cada un deles.

O primeiro equipo en aparecer en pista foi o sénior masculino, a continuación, fíxoo o equipo júnior masculino, seguido do equipo cadete masculino vermello e cadete masculino negro. A continuación, apareceron en pista o equipo cadete feminino, o equipo infantil feminino e o equipo infantil masculino. Os últimos en saír e desfilar foron o equipo mini mixto, o premini mixto e, pechando o desfile, os máis pequenos do club, o equipo baby.

Cos equipos desfilaron os seus respectivos adestradores e adestradoras que, baixo a dirección deportiva do Club, levarán a cabo o traballo coas diferentes categorías ao longo de toda a tempada. José Valeiras será o técnico do sénior masculino, Adrián Ramonde do júnior masculino, Álex Holguín do cadete vermello e Héctor López do cadete negro. Xavier Barra dirixirá ás cadetes, Nuria Gómez será a responsable dos equipos infantís, tanto masculino como feminino, ademais do mini mixto. Por último, Álex Iglesias será o adestrador do equipo premini mixto e Antón Fernández do equipo Baby.

Ao acto asistiron o deputado provincial Gorka Gómez, o alcalde de Nigrán, Juan González, e varios membros da corporación, así como o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, ao que a presidenta do club entregou unha placa agradecendo o seu apoio desde os inicios deste.

Xunto a eles estaban tamén os familiares de Florentino Martínez Pereira, ao que todos coñecían como Tino, traballador do pavillón nos últimos anos ao que todos os xogadores e adestradores do club nigranés renderon unha sentida homenaxe construíndo a frase “Gracias Tino, nunca te olvidaremos” mentres un patinador do Club Patinaxe Nigrán representaba en pista unha coreografía especial mentres soaba de fondo a canción “Héroe”, de Antonio Orozco.

A esta homenaxe sumouse o Concello de Nigrán. O alcalde, Juan González, descubriu unha placa que dá nome a unha das salas de fitness e que a partir de agora levará o nome de Florentino Martínez Pereira “Tino”. A presidenta do CB Nigrán, Nuria Gómez Domínguez, moi emocionada, fixo entrega á muller, irmá e fillos de Tino dunha placa agradecendo toda a axuda e o compromiso que sempre demostrou cara ao Club e os seus compoñentes, algo que realizou sempre cun sorriso e gran amabilidade, facéndose así co agarimo e o respecto de toda a familia do CB Nigrán.

O acto cerrouse coa foto de familia de todo o club na bancada e coa ilusión de que esta nova tempada 22/23 traia grandes momentos deportivos para todos.