A Feira da Ramallosa

Cando o 8 de xaneiro de 1753 os veciños de San Pedro da Ramallosa se ven na obriga de declarar ante as preguntas do Interrogatorio General que se estaba levando a cabo por todo o Reino para o establecemento dunha Única Contribución, non lles quedou outro remedio que especificar que contaban cunha “feria de ganados vacunos mensualmente que no produce utilidad alguna por venderse libremente en ella (…)” e que “solo trabaxan al jornal los labradores quando se allan desocupados de sus labores”, nos datos aportados existía ocultación.

Non se declaraban todos os animais, tampouco os ferrados de terra verdadeiros nin moito menos se a feira daba ou non beneficios á parroquia.

A da Ramallosa, o día 2 de cada mes, era unha feira máis das celebradas na contorna segundo indican Lucas Labrada na súa Descripción económica del Reino de Galicia (1804) ou Eugenio Larruga nas súas Memorias Políticas e Económicas (1788-1800): o día 4 de cada mes no lugar da Parra, xurisdición de Gondomar; en Santiago de Parada o día 6; en Vincios o 9; no lugar do Ventorrillo de Gondomar o 12; en San Félix de Nigrán o 25; en Santa Baia de Camos o 29; en Borreiros tamén de gando o 7 e o 2 e, na vila de Gondomar, feiras os días 11, 20 e 29.

En ditas feiras comerciábase e traficábase con bois e vacas “y no otros géneros algunos, según consta por notoriedad”. Así mesmo, carecían de privilexio e celebrábanse por costume “introducida por los mismos labradores para proveerse en ellas de ganados para sus labranzas”. Á coroa non lles interesaban en gran medida por non pagar dereitos en razón das vendas efectuadas.

A principios do século XX na Ramallosa existía tamén a feira de vimbios e apeiros de labranza, celebradas polo San Amaro e San Sebastián.

A Feira da Ramallosa rexurdiría a súa concorrencia nos anos 30, momento en que o campo da feira se converte nun ir e vir de xentes. A sesión extraordinaria do Pleno do concello de Nigrán celebrada o 8 de febreiro de 1931 tratou a conveniencia de “trasladar ao barrio de A Ramallosa, da parroquia de San Pedro, as feiras que dende tempo inmemorial se veñen celebrando os dias 2, 7 e 25 de cada mes nos barrios de “Souto”, “Carrasca” e “Cean” e que todas elas deixaron de existir por diversas causas, “entre las cuales, sin duda, la principal fue la dificultad de llegar hasta las mismas, por falta de vías de comunicación”.

O contrato de arrendamento con Don Ramón Besada, Don Manuel Besada, Dona Filomena Diéguez, Don Bernardo Carrera e Don Camilo Carrera, propietarios dos terreos onde se celebraría a nova gran feira da Ramallosa, pecharíase o 20 de febreiro de 1931 mediante unha renda anual de 42 pesetas por ferrado de semente. E este era o lugar axeitado xa que “A Ramallosa é actualmente o centro de movemento do Val Miño e a feira podería ter vida próspera xa polo número de estradas que a cruzan e por ser tamén o centro do tráfico de tranvías, sendo de advertir que este movemento vai en aumento continuamente”.

Segundo o gando que se véndese, na feira podíamos atopar tratantes ou tranquillóns, aqueles que traficaban con gando vacún; porqueiros, que vendían porcos para a recría; cabreiros, se vendían cabras; ovelleiros se vendía ovellas, e poleiro ou galiñeiro, se se dedicaba á compravenda de aves de curral. A maioría criaban eles mesmos os animais que logo vendían especialmente os porcos. Estabecíanse prezos de 500 reais por un touro ou a xunta de bois a mil duros.

O camiño cara o campo da feira era todo un rito cotiá. De Vilariño, Camos, Chandebrito, San Pedro ou Parada chegaban tratantes ao campo da feira como Pepe de Marín, que compraba gando vacún na Casa do Chaveiro ou na do Coxo de Parada e aumentaba os gando á venda, ao igual que Tío José O Pipa. Segundo o animal que se vendía, o camiño a pé facíase dun xeito ou doutro, sempre con este por diante e para levar a bois e vacas servíanse dos aguillóns, paus longo cunha punta de ferro no extremo que eran empregados para estimular aos animais facéndoos encamiñar.

Xa na feira os donos esperaban ao lado das súas facendas apoiados no aguillón a un comprador que cando chegaba, miraba o gando sen mostrar demasiado interese e íase. A partir deste momento comezaba un ritual entre comprador e vendedor, no que se daban voltas arredor do animal, ao que se lle facía mover e preguntando dun xeito despectivo cando se pedía pola res. Non faltaba un minucioso exame no que se palpaban detidamente as rexións importantes.Tras disto comezaba un tira e afrouxa co que se iniciaba un regateo no que o vendedor mantiña o concertado mediante a súa palabra. Antes ou despois, o trato remataba cunhas palmadas nas costas e coa marcación do animal mercado.

A Feira puña fin a 15 anos de prosperidade económica de A Ramallosa e o seu mercado.

O tranvía, un dos motores da feira, deixaría de funcionar nos anos 70 e a partir deses anos o desenvolvemento urbanístico desordenado desta vila acabaría condicionando os espazos públicos destinados aos cidadáns.

EN NIGRÁN FEBREIRO DE 2017

Anxo Rodríguez Lemos (Historiador)
Juan Antonio González Pérez (Historiador e Alcalde de Nigrán)

2017-04-06 - Folleto_FOTO ALAR0025