Nigrán salvagarda os nomes de Camos do Outeiro dos Enforcados ao Sampiaio

O Centro Cultural “A Camoesa” acolleu este sábado a presentación pública do traballo de recollida da toponimia da parroquia, encargado polo Concello de Nigrán ao Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) xunto ao de Parada, que se presentará proximamente, por un importe de 6.000 euros.

Previamente, tivo lugar unha pequena visita guiada polo Lugar das Pedras, a Bandeira e o Muíño do Grilo.

Esta iniciativa contou coa colaboración inestimable dos veciños e veciñas da parroquia, depositarios deste patrimonio cultural transmitido de xeración en xeración, na actualidade en serio perigo de desaparición.

“O patrimonio cultural non se limita a monumentos e coleccións de obxectos, senón que comprende tamén tradicións ou expresións vivas herdadas dos nosos antepasados e transmitidas aos nosos descendentes, como tradicións orais ou nomes de lugar (topónimos)”, explica o alcalde de Nigrán e historiador Juan González, quen engade que “deste xeito desde o goberno local blindamos a nosa cultura oral e tradicións á vez que abrimos a posibilidade a moitos veciños de localizar propiedades que figuran en escrituras pero que non se saben situar”.

Grazas a este estudo toda pequena referencia xeográfica (campos, leiras, fontes, hórreos, pazos, montes, lavadoiros, presas, regatos…) co seu nome correcto queda documentada e xeolocalizada. Ademais, incluíu un catálogo e actualización dos bens patrimoniais da parroquia á vez que se recolleron os ditos, lendas, cancións populares ou refráns da zona. Grazas a isto, corrixirase a sinalización instalada se é incorrecta (tanto do patrimonio como dos viarios públicos).

O historiador Anxo Rodríguez Lemos foi o responsable deste traballo que incluíu fotografías dos elementos materiais máis destacados da parroquia, gravando en vídeo ás persoas que máis sobresaen polos seus coñecementos e xeolocalizándose a toponimia maior e menor. A segunda fase é para cotexar os datos obtidos polas fontes actuais cos que figuran nos arquivos como o Histórico Nacional, Provincial de Pontevedra, Diocesano de Tui, Municipal de Nigrán ou Baiona. Finalmente, todo quedará documentado nunha web onde se xeolocalizará e referenciará de forma que estea facilmente a disposición de calquera persoa. “Servirá como fonte documental e fixará os nosos topónimos de maneira correcta para sempre. Con este traballo garantimos que o patrimonio oral, frecuentemente desatendido, non se perda”, engade o rexedor.

Este estudo, titulado “Os nomes de Camos: do Outeiro dos Enforcados ao Sampiaio”, forma parte dun proxecto moito máis amplo que desde o IEM pretende recoller, documentar, preservar e poñer en valor a toponimia de todas as parroquias de Nigrán, dos tres concellos do Val Miñor e, na medida do posible, doutros concellos e comarcas da contorna próxima.