
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, iniciará a próxima semana unha rolda de visitas polos distintos barrios e parroquias do municipio para expoñer aos veciños e veciñas a liña de investimentos que se realizarán dentro do Plan de Obras e Servizos da Deputación deste ano.
O obxectivo do rexedor ao iniciar estes “cara a cara” coas parroquias do municipio é intensificar o labor do goberno local e coñecer as inquietudes e principais demandas veciñais. «Trátase de explicarlles as principais accións programadas polo goberno no seu lugar de residencia e recoller as súas suxestións, para coñecer de primeira man as demandas veciñais e poder liquidalas canto antes. Acompañarán ao alcalde durante as visitas os concelleiros do goberno e escoitaremos e acordaremos criterios cos veciños», explicou o alcalde, quen anunciou que a súa intención é que os concelleiros das distintas áreas de goberno poidan participar e dar resposta ás demandas de cada unha ds súas Áreas.
O rexedor confirmou que a primeira cita será o barrio da Fraga (Vincios) o luns día 10 no bar da comisión de festas. Nese encontro alcalde e concelleiros recollerán as dúbidas, suxestións e peticións veciñais.
Os “cara a cara” organizados polo alcalde, Paco Ferreira, continuarán en sucesivas semanas con veciños de Borreiros, Chaín, Couso, Donas, Mañufe, Morgadáns Peitieiros ou Vilaza, entre outros. Os sucesivos encontros iranse anunciando puntualmente a través das redes sociais e na páxina web.