O Torneo Internacional de Minibasket reunirá a 360 xogadores alevíns en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Baiona prepárase para acoller este mes de abril dous dos máis importantes eventos deportivos da bisbarra. O XI Torneo de Minibasket Internacional de Baiona, presentado este mércores no Concello, e o XVIII Medio Maratón Vig-Bay, que vaise a celebrar o próximo domingo, converten á Vila na capital do deporte do Val Miñor.

O campionato internacional de baloncesto de base (categoría Sub-12-Alevín) celebrará entre o 7 e o 9 de abril a súa undécima edición coa participación de máis de 360 nenos e nenas de toda España e Portugal. Este mércores, no salón de plenos do Concello de Baiona, levouse a cabo a presentación oficial do torneo.

“Animo ao Concello a seguir apostado polo deporte e xa podemos dicir que Baiona é a capital do Val Miñor despois de celebrar hai uns días a Gala do Deporte e acoller agora un torneo internacional”, apuntou Daniel Benavides, delegado de Deportes da Xunta de Galicia antes de destacar que a Vila “é un referente para o deporte, non unicamente na comarca, senón respecto a outros concellos próximos”.

Pola súa banda, o alcalde, Ángel Rodal, agradeceu o apoio da Xunta e dos patrocinadores (Gadis e Coca-Cola) e felicitou o Club Baloncesto Baiona por “seguir facendo ben as cousas” e organizar un evento que é capaz de atraer a centos de rapaces. “Os máis pequenos serán os que falen da nosa Vila e se convertan nun futuro nos nosos visitantes”, destacou.

O director deportivo do club, David Castiñeiras, explicou que un total de 32 equipos (16 masculinos e 16 femininos) participarán no torneo e anunciou que contarán con clubs de Cataluña e Castela-León, ademais de Portugal.

O campionato comezará o venres 7 de abril co concurso de tiro e ao día seguinte porase en marcha a competición por grupos. Para o domingo queda reservado o Play-Off e a eliminatoria directa cara o título.

Os 32 equipos aseguran unha participación superior aos 360 nenos e nenas, aos que haberá que sumar uns 60 adestradores e numerosos familiares.

Durante a presentación, na que tamén participaron María Jesús Martíns, concelleira de Deportes, e Emiliano Bartolomé, directivo do Club Baloncesto Baiona, levouse a cabo o sorteo de grupos.

Anuncios