Novo triunfo do Cereixa que permite aos de Vincios seguir o ronsel do líder

FOTO: CEREIXA FS

Era un partido vital ante a difícil saída que espera o vindeiro sábado en Manzaneda e o Cereixa FS saíu moi serio desde o comezo para non dar opción ao visitante. Un Verín que a pesar do que moitos sospeitaban chegou con todos os seus efectivos para tentar sumar os tres puntos pero que, como sucedese na primeira volta, viuse superado de inicio a fin.

O partido estivo igualado ata o ecuador do primeiro acto, momento no que o Cereixa FS poñeríase por diante cun dobrete de Nelson Oliveira Moreira (2-0). Seguía enchufado o equipo e rapidamente Gabriel Denis Vasconcellos, tras interceptar un pase, plantábase diante do porteiro para sortealo e empuxar a porta baleira (3-0).

Tras atopar a diferenza o local relaxouse e pouco antes do peche da primeira parte o Verín Sala descontaba (3-1). Foron momentos de apuro onde o porteiro local estivo inmenso mantendo o resultado. Parecía que se chegaría ao descanso con este marcador pero outra vez Gabriel Denis Vasconcellos rebentaba a portería visitante coa bucina de fondo… protestas visitantes que non tiñan fundamento, xa que o gol era claramente legal e dentro de tempo (4-1).

No descanso o equipo conxurouse para non baixar o ritmo porque non se podían ceder os puntos. E así foi, o visitante pagou o esforzo de manter aos seus mellores homes en pista e o Cereixa FS non perdoou, outra vez Gabriel Denis Vasconcellos completaba o hat-trick a pase de Edu Rodríguez Pérez (5-1). O visitante descompúxose e optou por atacar en superioridade os últimos sete minutos. Dispuxo de dous ou tres ocasións claras antes de que David Barciela Bargiela desde a súa portería rebentase a escuadra cun golazo (6-1).

Final e os puntos que quedan en casa, o que permite ao equipo de Vincios seguir o ronsel do líder e distanciarse en seis puntos do terceiro clasificado.

Anuncios