A montaña murciana pon a proba ao Club Ciclista Rías Baixas na Copa de España

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Esta tempada o Club Ciclista Rías Baixas marcouse como un dos seus principais obxectivos brillar na Copa de España e polo momento estao conseguindo. Tras facer gala da súa combatividade nas dúas primeiras xornadas, o proxecto presidido por José Luis Chamorro quere volver ser protagonista este domingo en Murcia. O montañoso trazado do XXVI Trofeo Guerrita poñerá a proba aos escaladores do conxunto do Val Miñor.

A terceira clásica puntuable para o certame español máis prestixioso da categoría Elite e Sub23 disputarase sobre 148 quilómetros. O percorrido será idéntico ao dos últimos anos, comezando ás 9:45 horas en Alcantarilla, onde se darán seis voltas ao circuíto urbano para saír a continuación desta poboación en procura das ascensións do Alto de Cinto (non puntuable), Alto de Espuña (de 3ª categoría, km. 64), Alto da Perdiz (de 1ª, km. 89), Alto de Gebas (de 3ª, km. 107) e chegar a Alcantarilla sobre as 13:30 horas.

Ata terras murcianas Marcos Serrano desprazará a sete especialistas neste tipo de terreo: Diego Tirilonte, Jesús Nanclares, Rodrigo Enríquez, Diego González, Raúl González, Jon Ander Tomei e Dani Rodríguez. O mellor clasificado equipo na xeral da Copa de España é o cántabro Tirilonte. O corredor que durante o pasado inverno uniuse á disciplina do Club Ciclista Rías Baixas ocupa a duodécima posición na clasificación con 108 puntos. O primeiro posto, con 240 puntos, correspóndelle a Gonzalo Serrano (Caja Rural), gañador das dúas xornadas anteriores.

Se o cadro miñorano estivo representado na escapada máis importante do Circuíto Guadiana con Rodrigo Enríquez, que se vestiu como primeiro líder da montaña en terras estremeñas, o pasado domingo repetiu presenza na cabeza de carreira con Nanclares na Aiztondo Klasikoa. O berciano finalizou duodécimo na clásica guipuscoana e capitaneou a actuación dos pupilos de Serrano, que lograron a sexta praza na clasificación por equipos.

Vinte e oito equipos daranse cita na liña de saída do Trofeo Guerrita. Con esta proba conclúe o primeiro bloque da Copa de España, que descansará o seguinte fin de semana antes de vivir as seis xornadas restantes en pouco máis de mes e medio.