Anuncios
Ticker de novas

A Mancomunidade constitúe o grupo de traballo para avaliar a situación do GES

Este mércores constituíuse o grupo de traballo para estudar as posibilidades de mellora e funcionamento do GES do Val Miñor, así como a súa posible integración no futuro parque de bombeiros metropolitano, tal e como se acordara no Pleno da Mancomunidade de decembro, a proposta de Manifesto Miñor.

O devandito grupo de traballo estará formado por membros de todos os grupos políticos que compoñen o Plenario da Xunta da Mancomunidade, tres representantes do GES, e contará co asesoramento técnico ou xurídico que se estime pertinente. Segundo a moción aprobada, unha vez constituído ten un prazo de tres meses para elevar á Xunta da Mancomunidade unha proposta e informe sobre os pasos a dar ao respecto deste asunto.

“Na miña opinión o feito de se crear este grupo xa é relevante, e a maiores acordouse que será o propio GES quen presente un informe sobre a súa situación: dende a situación contractual dos seus membros, carencias de medios materiais e humanos, necesidade de persoal, etc…”, sinala Antonio Araúxo.

Todo isto será valorado polo grupo de traballo para ver as posibilidades orzamentarias da Mancomunidade, posibilidades de subvencións externas, etc.

“Si houbo unanimidade na posición de todo o grupo de traballo (no que estaban tamén os tres alcaldes da comarca) da necesidade de que o Val Miñor siga contando con este servizo, por ser necesario para unha comarca con máis de 50.000 habitantes, dous polígonos industriais, ou importantes eventos ao longo do ano, por non falar dos accidentes de tráfico, etc.”, conclúe Araúxo.

Anuncios