Anuncios
Ticker de novas

Mercado de Sabarís

Na postal podemos apreciar o mercado de Sabarís hai case un século. O mercado organizábase ao longo do antigo Camiño Real, que era a antiga estrada de Vigo a Baiona. Por esas datas este camiño que chegaba ata Viso de Calvos para despois descender deica a Ponte da Ramallosa xa só lles prestaba servizo aos veciños da zona pos xa existía o actual trazado da estrada. Na foto de Hauser y Menet os comerciantes dispoñen os seus cestóns coa mercadoría ao longo da ponte e nas súas proximidades. O carro e mailos burros anuncian a presenza dos mercaderes ambulantes. Este mercado de Sabarís é moi antigo pois o privilexio para celebralo outorgárono os Reis Católicos en 1497 para que tivese lugar no interior de Monte Real; posteriormente desprazaron o mercado á vila de Baiona e por último a Sabarís, onde se instala todos os luns.

Serie xeral de Hauser y Menet

En 1904 Hauser y Menet introduce na súa serie xeral 19 tarxetas postais de Baiona. Ese ano emitíronse dúas edicións co mesmo reverso, cambiando unicamente a colocación tipográfica do anverso. Esta tirada debeu ser máis ben alta. Como di Carrasco Marqués, destacan polo seu tipismo e cotización as referentes ás escenas populares de mercados sendo estas as máis difíciles de atopar por existir un gran coleccionismo do tema en España.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.

Anuncios