Anuncios
Ticker de novas

A Fortaleza de Monterreal resístese ao ataque do pirata Francis Drake

Cúmprense 431 anos do errado ataque do pirata inglés Francis Drake á fortaleza de Monterreal. Baiona pasaría aos anais da historia como o único lugar que se lle resistiu ao temido corsario.

Por aquel entón, a raíña Isabel I de Inglaterra sospeitaba que o rei de España, Felipe II, estaba a crear unha gran frota de navíos (a futura Armada Invencible). Isabel I envía a Francis Drake para coñecer de primeira man as intencións do monarca español. O pirata informa á raíña dun posible ataque e esta concédelle unha frota de 30 naves con 1.500 homes. Drake, sediento de novos éxitos para a coroa inglesa advirte á raíña dun lugar estratéxico para o rei Felipe II, Baiona, un lugar que o monarca chegou a chamar “as chaves do meu reino”.

Coa intención de saquear a vila, o corsario fondea en Cíes, pertencentes a Baiona naquela época, cos 30 navíos e os 1.500 homes. Por aquel entón, Baiona tiña unha gran importancia para a coroa, pois era porto de ralengo. Drake, consciente da transcendencia da localidade, anhela a súa conquista pois sería un dos mellores trofeos para ofrecerlle a Isabel I.

No atardecer do día 7 de outubro de 1585 o corsario arriba á praia de Santa Marta coa súa frota. Ante esta ameaza o entón Conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, conseguira reforzos, e en Baiona chegarán a acumularse 5.000 homes armados, entre soldados e veciños do arrabalde da fortaleza, ademais de 200 cabalos para tentar repeler o inminente ataque da frota do pirata.

Ao día seguinte, 8 de outubro de 1585, Francis Drake decátase que a fortaleza de Monterreal e os baioneses están preparados para a arremetida polo que aborta o seu plan de atacar a Vila. Nin sequera chegan a trasladarse ata os arredores da fortaleza, senón que quedan na praia de Santa Marta ao decatarse da masiva resposta da poboación baionesa, que heroica, prepárase para o ataque.

Ante isto, antes de partir coa súa armada cara ás Illas Cíes, o corsario, frustrado pola errada arremetida, arrasa e queima a Ermida de Santa Marta, unha das xoias románicas da localidade. A Capela, de finais do século XIII, quedará totalmente destruída ata que en 1855 será restaurada co esforzo dos veciños do municipio, quen do seu estilo románico de transición só puideron manter a porta sur, de arco semicircular e tímpano liso.

O fracaso da conquista da fortaleza de Monterreal será a primeira gran desfeita para o pirata Drake. Grazas á valentía do pobo baionés non se derramou nin unha soa pinga de sangue pois non houbo nin uso de armas nin vítimas.

Tras isto, o temido corsario con sede de vinganza diríxese cara á ría de Vigo nun intento desesperado por non volverse ao seu país cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha, pero Drake vólvese a atopar coa resistencia dos baioneses, que demandados polo Conde de Gondomar, diríxense de forma masiva a Vigo a axudar aos seus veciños apoiando aos soldados de Salvatierra. Con algúns homes desembarcados xa no Monte da Guía, Drake retírase coas súas tropas escorrentado ante os desprazados á cidade olívica.

Dous rotundos fracasos sufridos polo pirata máis temido do seu tempo, Drake, que quedarán gravados a lume na súa mente ata que o 29 de xullo de 1589, catro anos despois das derrotas, lévanlle novamente a atacar Vigo cunha frota aínda maior, 200 navíos e 7.000 homes, arrasando a poboación da cidade, que nestes catro anos duplicouse, e só era superada en poboación pola Vila de Baiona. Neste ataque pereceron máis de 500 persoas e 570 casas foron arrasadas. Nesta ocasión os baioneses non puideron acudir a auxiliar aos vigueses.

Anuncios