Anuncios
Ticker de novas

A Deputación convoca as axudas para concellos destinadas ao fomento da igualdade

FOTO: WIKIPEDIA

Os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes xa poden solicitar desde este martes, 21 de febreiro, e ata o 22 de marzo, as subvencións da Deputación para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero cuxa convocatoria foi publicada este luns no BOPPO.

O programa de axudas, impulsado a través do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo a implicación dos concellos da provincia na consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes en todos os ámbitos da vida social, política, económica e cultural, así como a loita contra a lacra social da violencia de xénero.

En total destínase a esta convocatoria un máximo de 200.000 euros e cada administración local poderá obter un máximo de 6.000 euros. Os proxectos, programas e actividades que se poderán financiar son as actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; os proxectos e iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; os proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero, ás súas fillas e fillos e ás persoas dependentes ao seu cargo; programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos encamiñados a mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; as accións e actividades encamiñadas á elaboración do plan municipal de igualdade, así como as orientadas á súa difusión e avaliación; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, familiar e profesional; accións e actividades de prevención e sensibilización no eido educativo dirixidas ao alumnado, ao profesorado e ás familias co fin de dotalos de estratexias educativas para o fomento da igualdade de trato e oportunidades; e campañas de difusión e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade.

Anuncios