Anuncios
Ticker de novas

Atopan unha pistola preto de onde apareceu o cadáver de Baiona

FOTO: VIGOE.ES

A primeira hora desta mañá e xa a plena luz do día iniciábanse novamente as batidas na zona onde onte aparecían os restos dun cadáver que podería levar aí varios meses. A Garda Civil, a policía xudicial e incluso funcionarios do concello limpaban e buscaban neste monte de Baiona novas probas que axuden á investigación.

Á espera dos informes forenses, todo fai indicar que o corpo sen vida pertence a Iván Durán, o mozo baionés desaparecido en agosto. Non só o talle do pé é coincidente co deste mozo, senón que no lugar apareceu unha nota que podería reforzar a idea dun posible suicidio. Con todo, os investigadores non desbotan arestora ningunha hipótese. Onte xunto ao corpo atoparon unha mochila cunha bala dentro. Hoxe, na zona aparecía unha pistola.

O lugar era unha zona fecuentada por Iván onde adoitaba ir pasear co seu can. Está a escasos quilómetros da súa casa e xusto aquí é onde se centraron as batidas tanto veciñais coma da Garda Civil. Con todo, o cadáver estaba moi agochado.

As dilixencias remitiranse ao xulgado de garda de Vigo. A investigación, que está aberta, tentará determinar as causas da súa morte.

Iván Durán, de 30 anos de idade, desapareceu do seu domicilio na vila de Baiona o 25 de agosto de 2016. Marchou sen levar a carteira, nin o móbil, pero deixou unha nota aos seus pais, que a súa familia considerou fría e ambigua, nada convincente sobre a súa despedida. Inmediatamente denunciouse o caso e a familia comezou a mobilizar amigos e veciños na súa procura. A Garda Civil despregou un operativo de busca polos montes da zona que o mozo adoitaba frecuentar nos paseos co seu can, pero sen resultado.

Os seus pais tentaron dende o principio que o caso se considerase de alto risco e sinalaban que Iván puidera sufrir un problema psiquiátrico. A súa desaparición coincidiu no tempo co caso Diana Quer, e a familia reclamou que non se estaban dedicando os mesmos esforzos na procura do mozo baionés.

Dende hai sete meses a familia de Iván continúa mobilizándose para localizar o seu fillo, desprazándose ata Portugal e mesmo nos últimos días ata Huelva, onde varios medios facíanse eco da posibilidade de que o mozo fora visto nesa cidade andaluza. Pero onte tamén, os investigadores reclamaban a volta da familia despois de acharse un corpo en Baiona, na zona onde desapareceu Iván.

 

Anuncios