Anuncios
Ticker de novas

Patrimonio dá luz verde á restauración do cruceiro da ponte da Ramallosa

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia deu luz verde ao proxecto do Concello de Baiona para a restauración do cruceiro de San Telmo, situado na ponte románica da Ramallosa.

Técnicos da empresa BIC Materiales y Conservación S.L. recolleron ao longo do venres os brazos do cruceiro depositados nos concellos de Baiona e Nigrán, así como o brazo que permanecía na súa situación orixinal para reconstruír a peza e colocala de novo no seu lugar.

A contratación ten un custe de 3.500 euros e inclúe tanto a limpeza do pavimento da ponte románica como das pintadas. Segundo as primeiras estimacións, a empresa calcula que todos os traballos estean finalizados nun prazo dunha semana.

“Estamos ante unha das xoias do noso patrimonio cultural, polo que agardamos e desexamos que nunca máis se reproduzan este tipo de ataques vandálicos”, sinalou o alcalde de Baiona, Ángel Rodal.

O permiso de Patrimonio especifica que a restauración deberá levarse a cabo por parte de persoas con formación e titulación específica en materia de conservación e restauración de bens culturais.

Anuncios