Anuncios
Ticker de novas

Nava Castro explica en Baiona o novo decreto que regulará as vivendas de uso turístico

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Turismo de Galicia celebrou hoxe en Baiona unha nova sesión informativa sobre o novo decreto polo que se establece a ordenación dos apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, e o alcalde, Ángel Rodal.

A principal novidade desta nova norma, que entrará en vigor o 10 de maio deste ano 2017, é a regulación, por primeira vez, das vivendas de uso turístico, as cales define como aquelas cedidas a terceiras persoas de xeito reiterado –dúas o máis veces ao ano- e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración –inferior a trinta días consecutivos- e amobladas e equipadas en condicións de inmediata dispoñibilidade.

Esta nova regulación é necesaria debido á proliferación da tendencia de alugar por días ou semanas a vivenda habitual, que se viu favorecida coa creación de páxinas web que ofertan este tipo de aloxamentos dun xeito rápido e sinxelo.

A Xunta cumpre, así, unha demanda do sector turístico, o cal manifestou en numerosas ocasións a necesidade de regular este tipo de aloxamento, debido ao seu forte impacto e á competencia desleal que supón respecto do aloxamento turístico regrado.

O obxectivo da xornada foi explicar os aspectos fundamentais do novo decreto e intentar resolver as dúbidas, preguntas e cuestións que poidan xurdir en relación co seu contido e aplicación.

Pouco restritivo

Durante a sesión, a directora de Turismo de Galicia destacou que trátase dun decreto flexible e de moi sinxela aplicación sendo o galego o menos restritivo en comparación coas outras comunidades autónomas de España.

De feito, os únicos requisitos que establece a nova norma é a inscrición no Rexistro de Actividades Turísticas (REAT) e que sexa unha vivenda legal e lista para habitar. Turismo de Galicia, explicou que, desta maneira, as únicas vivendas que poden quedar fóra da regulación son exclusivamente as ilegais.

Anuncios