Anuncios
Ticker de novas

A Deputación mellorará dúas estradas en Baiona que coinciden co Camiño Portugués pola Costa

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra vai redeseñar e mellorar dúas estradas de titularidade provincial no concello de Baiona que coinciden co Camiño de Santiago Portugués pola Costa. Segundo explicou o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, a obra busca mellorar a mobilidade peonil e a seguranza viaria das vías, pola que camiñan moitos veciños e veciñas da zona e tamén romeiros.

O deputado Benítez confirmou que o seu departamento xa está a realizar o proxecto de mellora nunha visita á zona, logo de que a actuación fóra proposta nun anterior encontro polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal. Segundo indicou o deputado, o financiamento da obra -que roldará os 350.000 euros- plasmarase en breve nun convenio entre ambas administracións (Deputación e Concello) para deixar claras as obrigas de cada parte.

Benítez indicou que a Deputación de Pontevedra está concienciada sobre a necesidade de aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincia, facendo especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida. Así, as actuacións que se realizarán en Baiona teñen por finalidade “dar valor aos peóns dinamizando unha zona que actualmente presenta unha serie de carencias e inconvenientes, como a inexistencia de beiravía, que padecen todos os que pasan por alí camiñando. O novo deseño da zona permitirá a todas as persoas gozar da fermosa paisaxe da contorna”.

O ámbito de actuación da obra abranguerá 675 metros da estrada provincial EP-2203 entre Baredo e Loureza (entre os P.Q. 2+625 ata o P.Q. 3+300) e outros 300 metros da EP-2202 Baiona-Loureza (dende o P.Q. 1+500 ata o P.Q. 1+800). Preténdese buscar un deseño que sexa comprensible polos usuarios, utilizable e practicable por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade. Así, a previsión é instalar unha senda peonil e tamén elementos físicos de calmado do tráfico tales como pasos de peóns sobreelevados (coñecidos como ‘lombos’) e redutores físicos de velocidade para vehículos, que permitirán a creación dunha zona de velocidade máxima de 30 quilómetros por hora.

Anuncios