Unha investigación do Álvaro Cunqueiro recibe un premio no congreso europeo de radioloxía

Un estudo do Grupo de Investigación de Diagnóstico por Imaxe do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, vinculado ao servizo de Radiodiagnóstico do Hospital Álvaro Cunqueiro vén de recibir un premio “Cum Laude” no Congreso Europeo de Radioloxía.

O traballo, titulado “Como preparar os equipos de TAC dun Servizo de Radioloxía para estudos de radiómica”, se enmarca nun proxecto multidisciplinar liderado polo grupo de investigación do Hospital Álvaro Cunqueiro, no que tamén participan o Hospital Ribera Povisa, o Hospital Universitario Central de Asturias e o Clinic de Barcelona.

O obxectivo do traballo é explicar a preparación que necesita un Servizo de Radioloxía para que poida utilizar as imaxes adquiridas cos seus diferentes escáneres de Tomografía Computerizada (TC) en estudos de radiómica.

Axuda artificial para o proceso diagnóstico

A radiómica é unha disciplina baseada na consideración de que as imaxes médicas conteñen máis información da que o ollo humano pode visualizar e procesar.

Existen unha serie de variables numéricas asociadas a esas imaxes, que poden obterse de xeito matemático e obter novos biomarcadores cuantitativos que poidan resultar predictores para diferentes patoloxías.

Segundo afirma a autora principal deste estudo, a física do IIS Galicia Sur, María Aymerich “trátase de extraer información numérica da imaxe médica, co obxectivo de que estos biomarcadores sexan unha ferramenta de soporte para o diagnóstico por imaxe e axuden ao radiólogo nese proceso diagnóstico e na decisión clínica”.

Con este traballo, relacionado con futuros modelos de intelixencia artificial, dáse un paso máis para sentar as bases que permitan realizar estudos fiables de radiómica.

“Estamos nunha primeira fase, na que tratamos de coñecer a resposta dos nosos equipos, en concreto dos TACS, ante estas variables. Posteriormente, nunha segunda fase, daremos o salto á aplicación clínica, utilizando esa ferramenta nas imaxes de pacientes con lesións renais”.

Aposta pola investigación

Ao longo dos últimos anos, o servizo de Radiodiagnóstico do Álvaro Cunqueiro ten feito un traballo recoñecido en moitos ámbitos. Está presente nos congresos nacionais e internacionais da especialidade acadando diferentes premios e distincións.

O feito de dispoñer de técnicas avanzadas de diagnóstico -nas cales se inclúen as últimas ferramentas baseadas en Intelixencia Artificial- e a posta en marcha da Unidade de Investigación en Radioloxía a través do IISGS, o converte nun servizo referente a nivel internacional.