Triunfo do Cereixa para consolidar a segunda posición e seguir á espreita do liderado

FOTO: CEREIXA GONDOMAR FS

O partido foi disputado como todo derbi. O Cereixa FS fixo un primeiro tempo para esquecer; espeso en defensa e acelerado en ataque. Sería o Valladares FSF o que se adiantaría no marcador nunha rápida contra co equipo envorcado (0-1). Pouco despois, o balón chegaría a banda e no un contra un, Edu Rodríguez Pérez íase do seu marcador para disparar axustado ao pau (1-1). Non durou moita a alegría no local porque xa con cinco faltas en contra chegarían dous dobres penaltis para o visitante; o primeiro iríase fóra pero o segundo entraría e o Valladares FSF volvía poñerse por diante (1-2).

Non pintaban ben as cousas para o local que con todo nun golpe de fortuna atoparía o empate cando Esteban Fernández Figueiras disparaba e o balón desviábase nun contrario ata alcanzar a rede (2-2).

Descanso e xogadores a vestiarios con algo de polémica como bo derbi.

Na continuación o visitante sentiu o esforzo realizado e estivo a mercé dun Cereixa FS que non pasou apuros e levou o gato á auga.

Luca tras unha gran contra conducida por Gabriel Denis Vasconcellos poñería o 3-2 no marcador. Acto seguido sería Diego Rodríguez o que se sumaba ao festival goleador co 4-2 poñendo terra polo medio. O visitante non reaccionaba e o Cereixa FS seguía mostrando unha efectividade tremenda; Gabriel Denis Vasconcellos cun dobrete poñería 6-2 e o partido perfilábase para que os locais sumasen os tres puntos. O Valladares FSF quixo morrer coas botas postas e con porteiro xogador descontou, pero foi un espellismo que Edu Rodríguez Pérez encargouse de despexar co sétimo final (7-3).

Coa derrota do Quinta, o Cereixa FS queda como único escolta do líder a só un punto. O próximo fin de semana visita ao Arealonga FS Chapela.