Anuncios
Ticker de novas

Alberto Meira quedou a un paso do podio no Rali da Coruña

O Rali da Coruña supoñía a cita inaugural do Campionato Galego de Ralis 2017, no que Alberto Meira será un dos principais candidatos ao título. Para o piloto de Vincios, este ano presenta dúas grandes novidades: o cambio de copiloto (con José Murado substituíndo a David Vázquez) e a obrigatoria modificación técnica no seu Mitsubishi, que por regulamento terá este ano que reducir o diámetro na admisión do turbo (algo que se traducirá nunha diminución de potencia e par motor).

Tras a preceptiva cerimonia de saída celebrada na noite do venres 10 de febreiro, desde a Praza de María Pita, a carreira celebrouse enteiramente ao longo do sábado 11, con catro tramos aos que se realizaron dúas pasadas. Durante a mañá, Alberto Meira completou as cronometradas de “Coirós” e “Aranga” situándose na terceira posición, a pesar de ceder algo de tempo por mor dun trompo. Aínda que a proba transcorreu nun día seco e asollado, as temperaturas foron baixas e propiciaron que persistisen as humidades nun asfalto sobre o que choveu en días anteriores. Estas condicións caracterizaron a primeira parte do rali.

Pola tarde, cun asfalto máis limpo e tramos con zonas máis rápidas (disputaríanse “Arteixo” e “Cerceda”, aínda que neste último só se puido realizar a segunda pasada, xa que a primeira suspendeuse por motivos de seguridade), Meira caeu ao cuarto posto, por unha banda acusando o déficit de potencia, pero tamén por ter que saír con rodas moi frías a un dos tramos, por mor dun atraso no inicio do tramo, quedándose vinte e cinco minutos parado no control stop, e non podendo afrontar con confianza a primeira metade de dicha especial.

En vista de todo iso, e concluíndo a proba en cuarta posición, Meira trataba de ser construtivo e pensar na tempada, valorando que “Aínda que a principios de tempada xa puidemos comprobar a diminución de prestacións do noso coche, esperabamos un mellor resultado e estar máis preto do ritmo de cabeza neste rali. Con todo, confío plenamente nas nosas posibilidades para próximas carreiras, así como de lograr o título de novo. O meu equipo fixo un gran traballo, o coche non deu o máis mínimo problema, só pequenos axustes que fomos facendo nos reglaxes. Por iso aínda que hoxe toca felicitar aos pilotos coruñeses que nos gañaron, xa estamos a pensar en tomarnos o desquite, e creo que non tardaremos en facelo. Ademais é de celebrar que se recuperou este rali, por todo o sucedido na súa última edición”.

A próxima cita do Campionato Galego será o lalinense Rali do Cocido (3 e 4 marzo).

CLASIFICACIÓN RALI DE A CORUÑA

Anuncios