O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, apoia a petición do Concello de Nigrán para que se habilite unha nova parada do transporte metropolitano ATSA na Gran Vía (á altura do hospital Povisa), dado que se trata dunha vella demanda -non só dos veciños de Nigrán-, senón tamén de todo o Val Miñor, ao terllo como hospital de referencia.
“Resultaría moi beneficiosa para os usuarios do Val Miñor, pero con todo –de ser convocado en forma e antelación debidas- lamentamos a non asistencia do alcalde Juan González ás reunións da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano, tal e como vén de denunciar a Xunta de Galicia, que aínda que, por motivos de axenda non puidese asistir, non habería xustificación para non facelo calquera outro membro do goberno local, e que ademais, conta con tres concelleiros con dedicación exclusiva”, afirma o portavoz independente.
UCN entende que o alcalde Juan González acordaría dita petición co seu homólogo de Vigo (Abel Caballero), que tal parada do bus metropolitano na Gran Vía (en ambos os dous sentidos), non dificulta o tráfico na cidade e é factible, e que ademais, o Concello de Vigo non se opoñería -no caso de que a Xunta autorícea-, porque pola contra de nada serviría.
Ademais sostén UCN, que este problema quizá tería mellor solución coa incorporación de Vigo ao transporte metropolitano da Xunta, xa que posiblemente non faría falta nova parada senón que podendo utilizar tamén o transporte urbano de Vigo (Vitrasa), ese problema xa deixaría de existir para os veciños do Val Miñor.
“A negativa do alcalde de Vigo –non só á posta en funcionamento da área metropolitana-, senón tamén á incorporación de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano da Xunta, non só está a afectar aos veciños de Vigo, senón tamén, a todos os que conforman a área metropolitana, pero a non ser que o alcalde Juan González faga recapacitar ao seu compañeiro de filas Abel Caballero, todo parece indicar que por desgraza e a curto prazo resultará imposible, á vista dos últimos acontecementos”, conclúe o portavoz independente.

