Anuncios
Ticker de novas

Anulada a resolución municipal que paralizou as obras do tanque de tormentas de Gondomar

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de recibir a sentenza, notificada polo Xulgado Contencioso Administrativo Nº2 de Vigo, pola que se anula a resolución municipal pola que se paralizaron as obras de saneamento do Concello de Gondomar.

Cómpre lembrar que a finais de 2015, o Concello de Gondomar (a través dunha resolución do concelleiro delegado da Área Urbanismo, Patrimonio e Dereito á Vivenda) paralizou as obras de mellora da rede de saneamento, que executaba Augas de Galicia. As obras, valoradas en máis de 3 millóns de euros, eran necesarias para solucionar os problemas de xestión das augas residuais na rede municipal, impedindo importantes infiltracións detectadas na mesma, evitando verteduras aos canles fluviais e mellorando a eficacia da EDAR municipal.

O Xulgado dá a razón a Augas de Galicia ao estimar o recurso presentado polo organismo autonómico e anulando a resolución municipal, ao tirar por terra a argumentación do concello sobre a motivación da paralización na falta de licenza municipal, como se se tratase de actuacións alleas ao Concello, cando foi este en realidade o promotor das obras. No escrito do Xulgado chégase a cualificar esta pretensión municipal como “unha actuación contraria ao principio de boa fe, confianza lexítima e lealdade institucional”.

Asemade, tamén entende que o concelleiro delegado da Área de Urbanismo, Patrimonio e Dereito á Vivenda -que asinou a resolución- non tiña competencia para ordenar a paralización das obras e que foi contra do acordo plenario previo, prescindindo dunha forma total e absoluta do procedemento legalmente establecido para este tipo de situacións.

Desde Augas de Galicia laméntase que esta actuación irresponsable dos dirixentes municipais perdese a oportunidade de rematar unha obra de gran importancia e moi necesarias para o saneamento dos cursos fluviais do municipio (Miñor e Zamáns), e que repercutiría de forma positiva no saneamento da ría de Baiona.

Reclamación

Tras a notificación desta sentenza, Augas de Galicia ten previsto presentar unha reclamación polas consecuencias derivadas da parálise desta actuación e por aquelas que se deriven por deixar de executar máis de 1,7 millóns de euros e polo risco de descertificación dos fondos europeos cos que se financiou a parte da obra executada. De confirmarse esta descertificación, Augas de Galicia reclamará ao concello as cantidades que se deban devolver a Europa.

Anuncios