
O Concello de Baiona incrementará este ano o seu persoal municipal con 25 empregados contratados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O goberno local decidiu acollerse á cantidade máxima de investimento permitida pola institución provincial e dedicará un total de 201.551 euros da liña correspondente ao fomento de emprego co denominado Plan Emprégate 2017.
“Apostamos ao máximo polo emprego e contrataremos a un total de 25 veciños de Baiona que están inscritos nas listas do INEM posto que é a nosa obriga axudar á poboación a acadar un posto de traballo nas mellores condicións posibles”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.
A petición á Deputación para a contratación dos novos empregados cursouse oficialmente este mesmo luns e está previsto que os traballadores comecen as súas tarefas o próximo mes de abril. En función do posto, os contratos terán unha duración de seis, sete e medio e nove meses.
As prazas solicitadas polo Concello son para 1 condutor de camión, 11 operarios de limpeza viaria e recollida do lixo, 2 operarios de xardinería, 6 peóns de obra pública, 2 operarios de servizos múltiples, 1 peón de cantería, 1 ordenanza e 1 técnico superior de turismo.
Os candidatos a cubrir as prazas terán que estar empadroados no municipio de Baiona e ser demandantes de emprego, polo que é obrigatorio estar inscrito nas listas do INEM para os postos demandados.
Ademais, a Deputación de Pontevedra marca as prioridades á hora da selección, de forma que terán preferencia as mulleres vítimas de violencia de xénero, os maiores de 45 anos e os solicitantes que formen parte de familias monoparentais.
Cada un dos postos de traballo do Plan Emprégate 2017 do Concello de Baiona será de xornada completa (35 horas semanais) e unha duración de entre 6 e 9 meses (ata o mes de decembro).
Be the first to comment