A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 cuestiona o cobro da taxa de vados do 2013

A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” cuestiona ao goberno municipal de Nigrán por poñer ao cobro, ata o vindeiro 28 de febreiro, con catro anos de retraso, os recibos da Taxa por Entradas de vehículos a través de beirarrúas do exercicio 2013, sen resolver previamente todos os recursos de reposición presentados pola veciñanza contra as altas de oficio no padrón desta taxa, que foran notificadas polo Concello aos afectados no ano 2013.

“Non ten xustificación algunha enviarlles o recibo de 2013 e pretender cobrarlles a taxa ás persoas que reclamaron contra a súa inclusión no padrón de contribuíntes e a administración local nin se molestou en contestarlles nestes catro anos para darlles ou quitarlles a razón”, sinalan desde a Asociación.

Ademais, na maioría dos casos, a inclusión no padrón para o exercicio 2013, incumpre o establecido no artigo 7.3 (período impositivo e devengo), da Ordenanza Fiscal Reguladora da Taxa, no que se establece que “as altas no padrón surtirán efectos no primeiro día do semestre natural seguinte á solicitude ou alta de oficio, e notificaranse individualmente ao interesado”, debido a que a maioría das notificacións realizáronse a finais do ano 2013 e incluso no 2014 e agora se lle pasa para o cobro o recibo de todo o exercicio completo do 2013.

Por outra parte, segundo a entidade, o Concello non pode facer abuso de poder pretendendo cobrarlle á veciñanza que solicitou a concesión dun Vado Permanente, que mediante a placa correspondente lle garantise o aproveitamento especial efectivo da beirarrúa, e que o propio Concello lla denegou.

“De igual xeito, aquelas persoas que non queren dispoñer do servizo, o Concello podería resolver facilmente o problema elevando o borde do rego da beirarrúa e non convertendo en obrigatoria unha taxa por un servizo que non se quere porque non se utiliza”, engaden.

Por último, sinalan que tanto o anterior goberno, presidido por Alberto Valverde, como o actual de Juan González, que xa leva máis de ano e medio como tal, deberían explicar publicamente por que razón fixeron deixación das súas funcións na posta ao cobro desta taxa desde o 2013 ata o 2016 e que significará que ata o ano 2020 os veciños van pagar as consecuencias tributando dous exercicios económicos por ano, no lugar de un só, como correspondería se as cousas se fixeran correctamente.

Be the first to comment

Leave a Reply

Tu dirección de correo no será publicada.




Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.