Anuncios
Ticker de novas

María José Pino: “Agora tócanos unidos continuar o camiño cara ao goberno de Nigrán”

María José Pino foi elixida este sábado nova presidenta do PP de Nigrán co 98,48% dos 197 votos emitidos. 194 dos afiliados apoiaron á única candidata que conseguiu os avais necesarios, mentres que os outros 3 foron en branco.

Á clausura do V Congreso do PP de Nigrán asistiron Ana Pastor, Alfonso Rueda, Ignacio López Chaves, Jesús Vázquez Almuíña e unha gran representación do partido, que continúa así coa renovación e posta a punto.

A ata agora presidenta da xestora, xa como presidenta electa, agradeceu a confianza e destacou que “estar hoxe aquí é o resultado dun bo traballo e significa que eu lidere o partido co mellor dos equipos, que non somos nin máis nin menos que todos os militantes e afiliados do Partido Popular”. Tamén se acordou dos outros candidatos, Carmen Alonso Macías e Carlos Rodríguez de Pablos, subliñando que “somos conscientes que hai máis motivos que nos achegan que os que nos afastan”, animándoos a avanzar xuntos “porque só así poderemos recuperar a confianza dos veciños”. Finalmente, incidiu en que “a porta sempre estivo, está e estará aberta a todos os afiliados. Puxemos a semente, e agora tócanos unidos continuar o camiño, que fará que o Partido Popular estea no lugar que necesita ocupar: o goberno de Nigrán”.

Almuíña, como coordinador comarcal do PP, agradeceu o traballo da xestora e o labor que están a realizar os actuais concelleiros do partido na oposición. Respecto da presidenta electa, destacou que foi “un triunfo traballado”, advertindo así mesmo que “o que vén agora é aínda máis difícil”. Pediu “xenerosidade, humildade e capacidade de diálogo” ao novo equipo directivo para ter “un partido forte”, insistindo en que “necesitamos unificar e esquecernos das rifas persoais. Todo aquel que poida achegar algo ao partido temos que telo en conta”.

Pola súa banda, Alfonso Rueda, presidente provincial do PP de Pontevedra, sinalou que “temos que volver gobernar Nigrán”, advertindo que “a xente o que máis castiga son os partidos desunidos”. Agora -engadiu-, “é o momento de que vexan que non discutimos” e de “ter a xenerosidade e a intelixencia de saber que aquí non sobra ninguén”. Pechou a súa intervención insistindo en que “hai que coser as feridas, falar e ceder, para que soamente exista un Partido Popular en Nigrán”.

Finalmente, Ana Pastor, presidenta do Congreso, tras dar o parabén á nova presidenta e desexarlle sorte, asegurou que a unidade e fortaleza dun partido é o máis importante para saír adiante. “A política é unir, calar e falar, pero sobre todo facer do Partido Popular unha gran familia e que todo o mundo atópese cómodo”, aseverou. “O Partido Popular ten un proxecto para Nigrán e para todo o Val Miñor, temos persoas, temos equipos, e con unidade, somos capaces de mover Nigrán, Galicia e España”, concluíu.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.