O Concello de Baiona pasou revista este venres aos traballos de humanización que se levan a cabo na rúa Cidade de Vigo dende o pasado mes de novembro. As labores están xa moi avanzadas e esta semana quedaron completadas as labores para renovar redes de abastecemento, pluviais e acometidas eléctricas.
Durante a fin de semana o Concello reforzará a sinalización en toda a zona ao quedar restrinxido o tráfico na rúa Cidade de Vigo a residentes e garaxes e non poder circular durante sábados e domingos pola rúa Carabela La Pinta.
“Os traballos marchan a bo ritmo e esperamos que queden rematados no prazo total de cinco meses, tal e como estaba previsto, para continuar despois polas rúas Laureano Salgado e Marqués de Quintanar”, sinalou a concelleira de Urbanismo e Infraestruturas, Ana Simóns, despois de facer un percorrido polas obras.
A concelleira tamén explicou que todos os venres (11:00 horas) os responsables da dirección da obra están a disposición dos veciños e comerciantes para resolver calquera dúbida que teñan ou para coñecer de primeira man a marcha das obras.
O orzamento da execución das obras ascende a 616.606 euros, pero o custe non suporá ningún gasto a maiores para o Concello ao estar asumido pola nova empresa adxudicataria do servizo de abastecemento da auga, Gestagua.
As obras que se levarán a cabo inclúen a renovación de redes de abastecemento e acometidas domiciliarias, renovación da rede de abastecemento do Parador de Turismo; instalación de rede de pluviais e de acometidas a edificios e sumidoiros; renovación da rede de alumeado público, pasando a instalar iluminación led; renovación e ampliación das redes de electricidade de Fenosa; instalación de rego e xardinería; adecuación das instalacións de telecomunicacións e gas; colocación de equipamento e mobiliario urbano; repavimentación da rúa e sinalización.
“Trátase dunha gran obra, moi importante para o municipio. Con esta actuación sumaremos outros 2.044 m2 humanizados aos que posteriormente haberá que engadir o das rúas Laureano Salgado e Marqués de Quintanar”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.
A extensión e límites do ámbito no que se realizan as obras ás que se refire este proxecto de execución implican unha extensión de superficie real de 2.044 metros cadrados aproximadamente.

