O primeiro albergue de peregrinos de Baiona abrirá as súas portas antes do verán

É un feito que o número de peregrinos que elixen o Camiño Portugués pola Costa para chegar ata Compostela aumenta ano a ano, especialmente desde que se oficializou a ruta en agosto de 2016. E non só chegados desde distintos puntos da xeografía española, senón tamén de lugares tan diversos como Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Italia, Sudáfrica, Corea do Sur, México, Rusia, India, Cuba, Emiratos Árabes, Perú ou Xapón.

Baiona é un bo punto para facer un alto no camiño, xa que preto da ruta atoparémonos os monumentos máis emblemáticos da Vila como a Fortaleza de Monterreal, a réplica da Carabela Pinta ou a Virxe da Rocha, por non falar das súas praias, situadas a dous pasos do trazado. Ademais o municipio conta con numerosos establecementos hostaleiros e de restauración onde descansar e repoñer forzas.

Antes do verán dispoñerá tamén dun albergue para peregrinos, que estará situado na Rúa Venezuela, xusto en fronte do Centro de Saúde, unha iniciativa impulsada por dous empresarios, Andrés Fernández e Jaime Pereira. “A idea xurdiu porque vemos que está a crecer o Camiño pola Costa e en Baiona non había nada, sendo ademais unha localidade rechamante para facer unha parada, xa que non é igual que facelo noutro sitio onde non hai cousas que ver, comprar ou tomar algo”, indica Jaime.

Aproveitando que o local no que se está construíndo o alberque pertence a Andrés, empezaron a madurar a idea e esperan que as obras finalicen en mes e medio, cando esperan poder abrir o establecemento. Ata agora, os albergues máis próximos eran o de Aguncheiro en Oia e Pazo de Pías na Ramallosa-Nigrán.

O albergue de Baiona dispoñerá de 28 prazas e ofrecerá aloxamento, baños con ducha, sala de estar, unha pequena cociña e cuarto con lavadora, secadora e un pilón. O prezo oscilará entre os 10 e 15 euros por persoa. “Non sabemos aínda, en tempada baixa sobre 10-12 euros e na alta máximo 15 por persoa. É orientativo, ese tema non o temos concretado”, sinala Jaime, que destaca ademais que “estamos a tentar conseguir unhas prazas para a xente que veña en bicicleta”.

O Camiño Portugués da Costa

Esta ruta de peregrinación tiña gran importancia na Idade Media. Desde Portugal cruzaban o río Miño en barca ata A Pasaxe, na Guarda, continuando polo Rosal ata o Mosteiro de Oia. De alí, seguían ata Baiona, Nigrán e Vigo ata chegar a Redondela, onde este camiño confluía co Camiño Portugués procedente de Tui. O Camiño Portugués da Costa mantén este percorrido, ao longo dos 147 km, que o peregrino terá que percorrer para chegar desde A Guarda ata Santiago de Compostela.

En Baiona ofrece ao camiñante paisaxes variados: desde os montes de Baredo pasando polos camiños do barrio de San Antón, as estreitas rúas do centro histórico, no centro de Baiona, ou a antiga calzada real que une O Burgo e Santa Cristina ata chegar á ponte románica da Ramallosa, e sempre co mar moi preto do percorrido.

Ao longo dos 9’7 km que percorren a Vila, o camiñante atopará numerosos monumentos: a Capela de Santa Liberata cunha imaxe de Santiago ecuestre no seu interior, a Ex – Colexiata de Santa María, con varias imaxes do santo apóstolo, o Hospital Sancti Spiritus, antigo hospital de pobres e enfermos que daba acollida aos peregrinos, a fonte de Ceta, o cruceiro de Santísima Trindade, a fonte do Pombal,…

En Baiona, os camiñantes poden selar a credencial na Casa parroquial, no Concello ou na Oficina de Turismo.

ALBERGUE DE PEREGRINOS EN BAIONA
FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O local no que estará o albergue de peregrinos.