Como cada ano, milleiros de persoas elixiron este domingo Panxón para pasar a noite de San Xoán e dar a benvida ao verán. Unha pequena tirada de lumes daba paso a medianoite ao aceso das tradicionais fogueiras. Ademais das dúas grandes, múltiples réplicas de menos tamaño iluminaban o areal. Mentres algúns poñen en práctica o ritual de pasar por encima destas ou meterse no mar para saltar as ondas, xa que bañarse durante esta noite asegura saúde para uns e boa sorte para outros, para todo o ano, ou tamén a eliminación de enerxías negativas e aumentar a fertilidade feminina se se saltan as ondas virando as costas ao mar, outros gozaban da verbena situada no porto pesqueiro coa orquestra Solara e o trío Azar. No recinto feiral, as atraccións son as protagonistas.
Continúa a festa
Tras as multitudinarias fogueiras, o luns 24 o programa comezará ás 19:00 horas cun concerto e un desfile da Banda de Guerra da Brilat de Pontevedra. Ás 20:00 horas comezará a Misa Solemne na honra de San Xoán Bautista cantada polo Coro Stella Maris de Panxón, seguida de procesión acompañada pola Banda da Brilat. Ás 20:00 horas tamén haberá un conto en inglés no Paseo de Panxón a cargo de Kids&Us. A verbena estará amenizada pola orquestra Ritmo Joven.
O martes 25 de xuño ás 20:00 horas a Agrupación Musical de Belesar ofrecerá un pasarrúas e ao finalizar un concerto. Ás 21:30 horas comezará a Misa Solemne na honra da Virxe do Carme cantada pola Coral Novos Aires de Nigrán, seguida de procesión acompañada pola Banda de Belesar. Ás 00:00 horas terá lugar a gran tirada de lumes de lucería. A verbena correrá a cargo do grupo América de Vigo.
O mércores día 26 será o Día do Neno.











