Sin categoría

Escolares de Vigo e Gondomar visitan o muíño de Porto do Molle

Escolares do CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal (Vigo) e a continuación IES Auga da Laxe (Gondomar) visitaron na mañá deste sábado o muíño de Porto do Molle rehabilitado polo Concello de Nigrán tras un investimento de 250.000 €. Estes foron recibidos polo alcalde de Nigrán, Juan González, e por Antonio Abalde, autor da mostra “A cultura do pan” que permanece na sala de exposicións do muíño para, precisamente, facerlle unha visita guiada a estes rapaces.

O Concello investiu 250.000 euros na rehabilitación integral do muíño de Porto do Molle, situado en pleno parque empresarial ao carón do río Muíños e en estado ruinoso desde hai máis de 30 anos pese ao seu gran valor histórico e etnográfico. Así, o obxectivo do proxecto foi reparalo respectando ao máximo a súa orixinalidade e poñelo a funcionar mediante a reposición dos mecanismos (que estaban desaparecidos, igual que a cuberta) e da disposición dunha nova canle hidráulica. En definitiva, o Concello desexa poñer en valor esta edificación tradicional de excepcional interese cultural.

A construción, de gran valor histórico, é unha das máis grandes da comarca cunha planta rectangular de 25 x 6,5 m e chegou a ter tres moas en funcionamento, recuperándose agora unha. Trátase dunha edificación do S.XVIII que consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volume no que o soto está aberto ao exterior mediante tres arcos de medio punto polos que ía a auga tras moverse o mecanismo de rotación (as obras e movementos de terra no parque empresarial implicaron soterrar a canalización de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que actualmente non ten conexión ao río, sen embargo, creouse un circuíto pechado para que poida funcionar).