Baixo a dirección da concelleira de Terceira Idade, María Mayán, organizouse unha actividade para visibilizar e revitalizar as tradicións locais. O evento iniciou cunha benvida cálida da escritora e do alcalde Juan González, onde a cultura e as relacións humanas foron as grandes protagonistas.
Os ramos de San Xoán, confeccionados durante o obradoiro, constituíron un dos puntos culminantes da xornada. Ao finalizar a actividade, 52 ramos de San Xoán saíron do Centro de Maiores de Vilameán impregnados coa maxia e simbolismo desta festividade. Entre as herbas utilizadas destacaron a árnica, citronela, codeso, fiúncho, flor da roseira, flor de San Xoán, herba luisa, herba da nosa señora, hortelá, lavanda, loureiro, macela, menta, milfollas, néboda, ourego, perexil, romeu, ruda, santolina, follas de nogueira e figueira, e flores de gardenia.
Soledad García explicaba a través de “Un paseo por Nigrán” que “os ramos deben ser cubertos con auga nun balde e deixalos nun lugar no exterior de forma que o orballo e a lúa o acompañen toda a noite. Pola mañá, sacar o ramo, lavar a cara coa auga e dicir -Auga de San Xoán, dáme sorte para hoxe e para mañá-. O ramo, colgado do revés para que seque, gardarase nun lugar fresco e seco ata o ano seguinte, que será tirado na fogueira para que se queime todo o malo que non queremos que medre nas nosas vidas, nun ritual purificador”.
As e os asistentes aprenderon sobre as plantas e a súa simboloxía e desfrutaron dun ambiente cargado de boa enerxía e ledicia expresando a súa gratitude polo traballo altruísta das colaboradoras Chelo de la Iglesia e Marisol, recolectoras, e de Susana, Geles, María e Gloria. Esta celebración non só destacou o compromiso do Concello de Nigrán coa preservación do patrimonio cultural e natural, senón que tamén amosou como as tradicións teñen o poder de unir ás persoas a través das xeracións, creando un forte sentimento de comunidade.

