O Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asistiu hoxe nas instalacións da institución en Porto do Molle (Nigrán) a unha demostración da empresa Vig-Sec Drone, que naceu na 7ª edición de ViaGalicia, na que exhibiu a súa pioneira tecnoloxía Suite ACRE, que permite o voo simultáneo de drons e aeronaves tripuladas de forma segura.
Actualmente, as operacións de emerxencia vénse limitadas polo risco de colisións e este software proporciona unha solución a esta problemática, ofrecendo alertas, medidas de continxencia e accións de emerxencia en tempo real, adaptándose ás características específicas de cada aeronave.
Esta exhibición experimental, que contou coa colaboración dun helicóptero EC-135 do Exército de Terra, constou de dous partes. En primeiro lugar, efectuáronse dúas pasadas a diferentes alturas e distancias co uso de ACRE, avaliando a información recibida e a eficacia dos procedementos automáticos do software. A continuación, o helicóptero sobrevoou a zona sen a asistencia da tecnoloxía ACRE, permitindo observar a capacidade da tripulación para detectar o dron sen axudas electrónicas.
A validación deste exercicio achega a resolver un problema crítico na xestión do espazo aéreo en operacións de seguridade e emerxencia e abrirá novas posibilidades operativas, mellorando a eficacia das unidades de emerxencia en España.
A xornada comezou coa benvida e explicación da tecnoloxía Suite ACRE por parte do CEO de Vig-Sec Drone, Rubén Gil. A continuación, trasladouse ao viario sur do edificio e comezaron as demostracións de voo, nas que se simulou un espazo propio dunha emerxencia no que o helicóptero do Exército de Terra e un dos drons de Vig-Sec Drone conviviron no mesmo espazo aéreo. A proba terminou cunha análise do exercicio por parte da tripulación do helicóptero.
A cooperación dos diferentes participantes neste plan de experimentación foi fundamental para permitir a validación da tecnoloxía de Suite ACRE. Este proxecto proporciona unha coordinación máis segura e eficiente entre drons e aeronaves tripuladas, beneficiando a todos os involucrados en operacións de emerxencias.
A startup Vig-Sec Drone, nacida na 7ª edición do programa de aceleración de empresas ViaGalicia do Consorcio da Zona Franca de Vigo, desenvolve a súa actividade no Edificio Tecnolóxico Aeroespacial da Zona Franca no Parque Empresarial de Porto do Molle (Nigrán).


