
A ría de Vigo viviu este sábado unha emocionante pero complicada segunda xornada de competición do 38º Trofeo Príncipe de Asturias, que organiza o Monte Real Club de Yates de Baiona e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA, e que se saldou con cambios na xeral e novos líderes que aspiran a proclamarse vencedores da prestixiosa regata. Aceites Abril, Urbapaz, Cinco Islas Albariño, Bonaventure, Argalleiro, Hotel Princesa Yaiza e Erizana son os sete equipos que defenderán o domingo a primeira posición nas súas respectivas categorías.
Tal e como apuntaba a previsión meteorolóxica, as condicións de vento foron este sábado completamente distintas ás do venres. O vento do suroeste que reinou durante a primeira xornada deu paso a un Eolo do noroeste duns nove nós de media que acabou rolando cada vez máis cara ao norte, provocando cambios e modificacións de percorrido nas últimas probas do día antes da chegada dun chuvasco que complicou o final da xornada.
O Aceites Abril asalta o liderado na clase ABANCA ORC 1-2
Na clase ABANCA ORC 1-2 a segunda xornada serviulle ao Aceites Abril para asaltar o liderado da xeral e posicionarse con dous puntos de vantaxe para a xornada final.
O equipo que dirixen os irmáns Luis e Jorge Pérez Canal, que onte era terceiro, sumou este sábado dúas firmes vitorias que permitiron ao barco do Real Club Náutico de Vigo colocarse á fronte da xeral por diante do Syone Panther de Nuno Neves da Asociación Naval de Lisboa, que pasa a ser segundo. O Magical de Julio Rodríguez, pola súa banda, tamén descendeu este sábado unha posición e colócase agora no terceiro caixón do podio provisional.
Con estes resultados todo parece indicar que serán o Aceites Abril e o Syone Panther os que se xoguen o domingo o título definitivo do Príncipe, aínda que é o primeiro o que parte con máis posibilidades ao contar cunha vantaxe de dous puntos sobre os de Neves.
O Urbapaz mantense á fronte na clase Aceites Abril ORC 3-4
Non houbo cambios na cabeza da frota de Aceites Abril ORC 3-4. O Urbapaz de Francisco Edreira (CN Cabanas), que se estreou o venres con dúas vitorias parciais, sumou este sábado un cuarto e un terceiro que permitiron ao equipo manter o liderado da xeral provisional.
Os dous triunfos da xornada repartíronllos o Sailway de Ramón Ojea (CM Canido), que continúa no segundo posto, e o Bon III de Víctor Carrión (CN Punta Lagoa), que se sobe ao terceiro caixón empatado a puntos co cuarto clasificado, o Adegas Terrae de Vicente Cid (RCN Vigo).
As dúas divisións de Open e ORC 5 estréanse cunha costeira
Na xornada do sábado entraron en xogo tres novas categorías -as clases Gadis ORC 5, Volvo Autesa Open 1 e SH Robotic Open 2- para completar unha regata costeira de dezasete millas que abriría os seus marcadores nesta trixésimo oitava edición do Príncipe de Asturias.
Na clase Gadis ORC 5 o Cinco Islas Albariño do Club Náutico de Beluso que patronea Iñaki Carbajo fíxose coa vitoria tanto en tempo real como en compensado, anotando un tempo investido de catro horas e dezanove minutos. Séguenlle na xeral o Aquilón de Roberto Telle do Monte Real e terceiro é o Salao do Liceo Marítimo de Bouzas con Juan Carlos Sicre á fronte.
Na clase Volvo Autesa Open 1, pola súa banda, o Bonaventure de José Luis Ríos (RCN Vigo) levou a vitoria do día por diante do Salseiro de Manuel Blanco (RCN Coruña) e do portugués Javitudo de Sergio Castel (CV Atlántico), que ocupan a segunda e terceira posición respectivamente; mentres que na clase SH Robotic Open 2 o liderado provisional vai parar a mans do Argalleiro de Fernando Otero (RCM Aguete). Por detrás, aos de Otero séguelles o Albarellos de Fernando Rey (MRCYB) no segundo posto e o Vilán de Luis Bodelón (RCN Coruña) posiciónase terceiro.
O Hotel Princesa Yaiza, novo líder en Solventis J80
Gran xornada para o canario Hotel Princesa Yaiza de Rayco Tabarés. Tras un inicio discreto, o barco do Real Club Náutico de Arrecife mellorou este sábado e levou dous triunfos parciais e un décimo posto -parcial que pasa a converterse no seu descarte-, situándose como novo líder da xeral empatado a puntos co Solintal de Ignacio Camino (RCM Santander), que ocupaba ata o de agora a primeira posición e pasa a ser segundo cun terceiro, un undécimo e un sexto anotados.
A única vitoria parcial do día que non levaron os de Tabarés, a terceira, foi para o vasco Biobizz de José Azqueta, sétimo na xeral. No terceiro caixón tamén houbo cambios e o Kotablue Fibra Coruña 14/18 do coruñés Miguel Fernández fíxose este sábado coa terceira posición cun cuarto, un sexto e un terceiro, colocándose ademais a só un punto do liderado.
Con estes resultados, todo queda aberto con tres equipos con opcións de levar o título o domingo na xornada final.
Todo por decidir na Gestilar Ladies Cup
Para a frota de Fígaros que se xoga a vixésimo sétima edición da Gestilar Ladies Cup, a segunda xornada do Príncipe de Asturias pechouse con disputa de dúas apertadísimas probas e dous equipos repartíndose os triunfos da xornada, deixando todo aberto de fronte ao último día de competición.
Así, se na xornada do venres era a tripulación do Tutatis de Marta Ramada (MRCYB) a que se situaba no primeiro caixón do podio provisional, este sábado foi o Erizana de Pilar Casares, que compite baixo a grímpola do RCN Puerto de Pollensa o que tomou a dianteira na xeral cun primeiro e un cuarto anotados. Por detrás, segundas son agora as de Ramada cun sexto e un primeiro e terceiras continúan as regatistas do Bouvento, que compiten con Carmen Galdós á fronte representando ao RCM do Abra-Real Sporting Club.
En total, só tres puntos separan ás tres primeiras clasificadas tras as cinco probas completadas ata o momento, polo que todo dependerá do que suceda o domingo no campo de regatas da baía de Baiona.
O domingo, última e decisiva xornada de competición
Coas dúas primeiras xornadas completadas e tras a celebración a noite do sábado da gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, o Trofeo Príncipe de Asturias decidirá o domingo aos vencedores da súa trixésimo oitava edición coa disputa das últimas probas en augas da ría de Vigo.
Coa saída programada ás doce da mañá tanto no campo de regatas de Cíes como na baía de Baiona para a Gestilar Ladies Cup, os líderes sairán dispostos a defender as súas posicións para asegurarse o triunfo da prestixiosa cita galega. A entrega de trofeos, que se celebrará ás seis e media da tarde no xardín do Monte Real, será a encargada de poñer o broche final.
O 38º Trofeo Príncipe de Asturias celébrase baixo a organización do Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar e grazas ao patrocinio de ABANCA, Terras Gauda e Gestilar. A competición conta, ademais, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o concello de Baiona; as Reais Federacións Española e Galega de Vela; e o apoio de empresas como Solventis, Volvo Autesa, Aceites Abril, Zelnova Zeltia, Paradores, Vanguard Marine, Gadis, Foxy, SH Robotic, Onda Cero, Musto, o grupo Solitium, HOLA, Tuypan, Coca Cola e Martin Miller’s Gin.