Sin categoría

A Dra. Esther Casal, ao fronte da Dirección Asistencial da Área Sanitaria de Vigo

A doutora Esther Casal Rodríguez desenvolverá a Dirección Asistencial da Área Sanitaria de Vigo, substituíndo á doutora Susana Cerqueiro que desempeñaba ata agora estas funcións.

Esther Casal é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade desenvolvía as súas funcións como médica no Servizo de Admisión e Documentación Clínica na Área Sanitaria de Vigo. A maior parte da súa traxectoria profesional desenvolveuse no CHUVI, principalmente no hospital Meixoeiro, onde ocupou praza no antigo Servizo de Urxencias, como no de Admisión.

A doutora Casal Rodríguez posúe unha ampla experiencia na xestión hospitalaria, xa que en 2013 foi nomeada subdirectora Asistencial da Área Médica da Área Sanitaria de Vigo, cargo que ocupou ata 2018. Nese ano, foi nomeada Directora de Procesos con Ingreso (actual Dirección de Atención Hospitalaria). Dende outubro de 2019, desempeñou a Dirección de Procesos de Soporte, regresando en outubro de 2020 á súa praza no Servizo de Admisión e Documentación.