Sin categoría

Nigrán ofrece unha segunda cita con Carlos Núñez no solpor de Monteferro

O Concello de Nigrán ofrece una segunda oportunidade para ver este verán ao mellor gaiteiro do mundo no mellor escenario do mundo: Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro coincidindo co xa famoso solpor cara o Océano Atlántico e as Illas Cíes e Estelas. O espectáculo, que forma parte da programación estival do Concello de Nigrán e conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, repetirase o domingo 4 de agosto ás 20:30 horas ao terse esgotado as entradas anunciadas a semana pasada para o sábado 3 de agosto á mesma hora. Os tickets xa están á venda a través de Ataquilla cun prezo de 25 €.

Como cada ano desde 2020 coa súa xira “Lugares Máxicos”, o obxectivo do gaiteiro internacional é enfeitizar aos asistentes grazas á especial sinerxia da súa música coa natureza e o momento do crepúsculo. A novidade desta edición é que presenta novo disco, “Celtic Sea”, froito da colaboración con Brittany Ferries para celebrar o 50 aniversario da compañía marítima que une os portos atlánticos europeos e na que viaxan 3 millóns de persoas cada ano. O tema estrela que dá nome ao disco é unha “sinfonía” de 40 minutos con músicas de todas as rexións atlánticas, unidas por elementos comúns ás músicas celtas desde hai séculos ou milenios, como o bagpipe rhythm (ritmo de gaita) ou a harmonía binaria de double tonic.

“Tocar Celtic Sea en Monteferro resulta moi inspirador para min porque estamos precisamente cara o Océano Atlántico, nun dos lugares máis fermosos de Galicia, e no momento máxico do solpor. A localización é insuperable e, sen dúbida, o disco aquí soará nunha simbiose sublime coa contorna”, resume Carlos Núñez.

“Monteferro e Carlos Núñez forman unha fusión perfecta, estamos moi orgullosos de poder contar cada ano co mellor gaiteiro do mundo no mellor escenario do mundo; cada concerto aquí é unha experiencia inesquecible”, incide o alcalde, Juan González.

Co obxectivo de respectar ao máximo a singularidade deste espazo natural e de facelo sen impacto algún, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas xustificados de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comuñón coa propia natureza.