Pablo Marquina acariña a vitoria da Liga Social Baitra do Monte Real

FOTO: ROSANA CALVO // Pablo Marquina acariña a vitoria.

Pablo Marquina acariña a vitoria da Liga Social Baitra do Monte Real Club de Yates, que esta fin de semana celebra o seu final en augas da baía de Baiona. O pequeno dos irmáns Marquina vai na cabeza da clasificación de Optimist a falta das probas finais que se celebrarán mañá domingo.

O novo regatista do Monte Real, de doce anos, asinou un segundo e un cuarto posto nas regatas celebradas hoxe, pero os bos resultados obtidos ao longo da tempada, sobre os cales se establece a clasificación final, permítenlle manterse no máis alto do podio provisional.

O mellor da xornada foi, sen dúbida, o pequeno Martín Montes, de once anos, primeiro en cruzar a liña de chegada nas dúas regatas disputadas, logrando ademais unha gran vantaxe sobre os seus competidores máis directos. Foi o regatista máis destacado e logrou recortar distancias con respecto ao líder, pero mantense aínda en segunda posición.

O terceiro posto e bronce provisional da competición é para Yago Marquina, de 13 anos, que non tivo unha xornada moi afortunada, cun quinto e un sexto posto nas dúas probas celebradas, pero que segue sendo un firme aspirante ao podio e a revalidar a vitoria lograda na edición anterior.

Ademais do apartado competitivo, a Final da Liga Social Baitra organizada polo Monte Real Club de Yates está a ter unha parte máis lúdica, destinada a achegar ao público ao mundo das regatas para que poidan coñecelo de primeira man. Así, o club baionés, sacou hoxe á auga dous Omegas, no que un grupo de nenos e nenas puideron realizar un bautismo de mar e ver o desenvolvemento das regatas.

A Liga Social Baitra decídese mañá domingo coa segunda e última xornada de probas, que se celebrará a partir das once e media da mañá na baía de Baiona. O comité de regata, presidido por Samuel Montouto, tratará de dar saída a tres mangas que manterían o deseño en trapecio da primeira xornada.

Unha vez finalizada a competición na auga, o Monte Real acollerá a entrega de premios aos gañadores. Será ao redor das catro e media da tarde e a ela asistirán o xerente de Baitra Accesorios Navales, Juan Carlos González, como patrocinador do evento; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, en representación do concello; e o presidente e comodoro do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez e Fernando Yáñez.