Sin categoría

Unha lanzadeira unirá Porto do Molle e Praia América todas as fins de semana e festivos

De Porto do Molle á area de Praia América-Lourido en só 10 minutos e sendo fin de semana ou festivo. Con este obxectivo o Concello de Nigrán creará este verán (xullo e agosto) unha lanzadeira experimental que funcionará nestes días de 11:00 a 21:00 horas conectando de xeito directo cada 10 minutos o parque empresarial (parking da rúa das Pontes) e a praia (rúa Rans) a través do Nigranbus. O resto da semana esta liña intramunicipal creada no 2022 polo Concello de Nigrán seguirá co seu percorrido habitual de Chandebrito a Priegue pasando por todas as parroquias (incluíndo a parada na praia).

“Os principais beneficiados serán os veciños das parroquias do interior, que aforrarán en tempo e en gasolina, resultando ademais un modelo de mobilidade moito máis sostible”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao problema de aparcar preto da praia e ao propio custe do Nigranbus, xa que tras conseguir o goberno local que a liña fose incluída como Servizo de Interese Municipal (SIMU) dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia este benefíciase de todas as bonificacións que lle corresponde coa devandita tarxeta de usuario, é dicir, supón 0,70 ou 0,40 céntimos por traxecto se é unha viaxe habitual, gratis para xubilados e menores de 21 anos e transbordos incluídos (sen esta tarxeta a tarifa non bonificada sería de 1,55 €).

Deste xeito, en xullo e agosto, os sábados, domingos e festivos o mesmo autobús empregado para o Nigranbus de luns a venres (vehículo de 22 prazas máis unha de mobilidade reducida) estará realizando de xeito circular e directo (non hai paradas intermedias) o percorrido que une rúa das Pontes (área de aparcamento detrás de Delta, Porto do Molle) e Praia América (rotonda de Vista ao Mar con rúa Rans, a escasos 50 metros do areal). O horario será de 11:00 a 21:00 horas cun único parón de 14:00 a 15:00 horas. “O tempo estimado de percorrido é de 10 minutos, así que calquera usuario poderá achegarse á parada sabendo que, como máximo en 10 minutos, estará subindo ao autobús. Non cabe dúbida de que aforras moitísimo tempo con respecto a achegarte co teu propio coche en fin de semana”, explica Diego García, edil de Mobilidade e impulsor desta iniciativa. “Calquera persoa pode empregar esta lanzadeira, pero está claro que os máis beneficiados serán os veciños e veciñas das parroquias máis afastadas da costa, como é Chandebrito, Camos e Parada. Estes deixarán o coche comodamente en Porto do Molle, que ademais é un punto intermedio de camiño á súa casa que non implica un maior desvío”, explica García.

A fórmula de integrar o Nigranbus no Plan de Transporte Metropolitano significa que se fai cargo a actual concesionaria Lugove a cambio de que o Concello achegue un canon anual de 80.000 € máximo á Xunta, cantidade que agora aumentará en 10.000 € máis para levar adiante este novo servizo de fins de semana e festivos. “O convenio é flexible, podendo modificarse, ampliarse e adaptarse ás necesidades concretas que se detecten, como é o caso”, incide García.

“Ten outra vantaxe engadida esta lanzadeira: cremos que quen se anime a subir ao Nigranbus para ir á praia o fará tamén o resto do ano e entre semana, é un xeito de animar á xente a romper coa rutina e, neste caso, resulta evidente que é o medio de transporte máis cómodo”, reflexiona o alcalde, quen incide que “en calquera caso o Nigranbus é un servizo que non se mide en termos de sostibilidade económica, senón en beneficio social para a veciñanza que carece de transporte privado”.