Sin categoría

Baiona oferta 23 campus deportivos para este verán

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona presenta para este verán un amplo e variado programa deportivo, pero destaca dunha maneira especial a oferta de campus deportivos, deseñada entre todos os clubs deportivos locais (Club de Tenis Baiona, Prado Surf, Club de Loita Sabarís, Baiventura Galicia, Monte Real Club de Yates, BayBay Surf, Vincios Tenis de Mesa, Atlántico Hóckey, Vigo Rugby, Baíña FS, Club Monteboi BTT, Erizana CF, Vigo Volley, Club Baloncesto Baiona, Escola de Running Baiona, Club Ximnasia Rítmica As Estelas, Escola de Danza Giro’s, Club Atletismo Baiona, Club de Patín Baiona, Escola Club Rosalía de Bádminton e Xabai Axedrez Baiona) e destaca dentro da oferta deste verán 2024 a incorporación de campus deportivos tan novos como campus de deportes urbanos, campus de rugby, campus de pádel, campus de BTT, campus de hóckey herba e campus de tenis de mesa. Séguese apostando polos Campus de Deportes Náuticos, que se amplían con 4 quendas (mañá e tarde) para acoller ao maior número de interesados na práctica de vela lixeira (Monte Real Club de Yates), Piragüismo e Windsurf (Baiventura) e Pádel Surf (BayBay Surf) e Surf (Prado surf).

Este ano 2024 ofértanse 23 campus que se poderán realizar o presente verán repartidos entre as 11 semanas de vacacións escolares para conciliar vacacións co traballo familiar con doce disciplinas no mes de xullo (tenis, deportes urbanos, loita olímpica, deportes náuticos, tenis de mesa, hóckey herba, rugby, fútbol sala, ciclismo de montaña, fútbol, vóley praia, multideporte) e outros once no mes de agosto (atletismo, baloncesto, ximnasia rítmica, danza, ciclismo, pádel, patín, bádminton, deportes náuticos, multideporte na praia e xadrez). Desde a Concellería de Deportes e os distintos clubs locais elaborouse un programa técnico e lúdico orientado cara a un enfoque común para outorgarlle unha uniformidade á oferta deportiva, salvando está claro as diferentes modalidades deportivas que se poderán realizar o presente verán; Fútbol, Baloncesto, Ciclismo, Deportes Olímpicos de Combate, Tenis, Actividades de Patín, Ximnasia Rítmica, Multideporte, Vela Lixeira, Windsurf, Piragüismo, Pádel Surf, Surf, Skate, Hip Hop, Tenis de Mesa, Fútbol Americano, Danza, Atletismo, Bádminton, Vóley Praia e Fútbol Sala.

Os 23 campus desenvólvense ao longo dunha semana, en horario de 10:00 a 14:00 horas, aínda que para facilitar a conciliación familiar amplíase horario para aqueles que o necesiten a partir das 9:00. Fóra do campus náutico, en xornada de tarde, que terá un horario especial. Durante os campus contarase coa presenza de deportistas, técnicos de primeiro nivel nas distintas modalidades deportivas, que desde unha óptica divertida transmitirán aos presentes as súas experiencias e realizarán xogos e tarefas cos distintos nenos e nenas. A todos aqueles interesados en participar, a organización dos campus estableceu un prezo moi competitivo de 200 € por 5 campus ou de 300€ para todos os campus dos meses de xullo e agosto, o que posibilita realizar actividades deportivas durante once semanas a un prezo moi alcanzable, de todas as maneiras, tamén se poderán realizar os campus que cada un seleccione individualmente pagando só a modalidade que prefira. Ademais, en todos os campus deportivos os asistentes recibirán un equipamento deportivo así como un tentempé a media mañá para repoñer forzas.

O prazo de inscrición está aberto desde o 1 de xuño e para formalizar as matrículas os interesados deberán acceder á web oficial dos campus. Para máis información, no Pavillón Municipal de Baiona en horario de 9:00 a 14:00 ou de 17:00 a 21:00 horas, tamén se dispón de teléfono de información 986.356.558 ou a través do e-mail deportes@baiona.gal.