Esta mañá o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado de Sandra González, presidenta do GDR e EuRural, e membros do goberno municipal, inauguraron o novo Observatorio de Aves da Xunqueira-Borreiros. O investimento de máis de 18.000 euros foi financiado entre o Concello e o Grupo de Desenvolvemento Rural Ría de Vigo e Baixo Miño. O obxectivo desta nova infraestrutura, accesible a persoas con diversidade funcional, é a posta en valor dun espazo cun alto valor medio ambiental. Para isto se dotou a este observatorio de accesibilidade universal e conta coa implantación de TIC’s (Tecnoloxías da Información e Comunicación) para a interpretación dos elementos e singularidade do patrimonio natural da Xunqueira de A Ramallosa.
Estas TIC’s son unha audioguía interpretativa, unha guía virtual de aves, o enlace para a descarga dunha guía de aves mariñas e un enlace cun mapa interactivo do espazo natural. Os paneis conteñen tamén información en sistema Braille así como siluetas en relevo dos distintos tipos de aves acuáticas observables para coñecelas mediante o tacto. O deseño do observatorio obedece a unha instalación de accesibilidade universal de forma que sexa útil para todas as persoas independentemente da súa capacidade física, sensorial ou cognitiva, para que todos os interesados nas aves e na natureza e a súa conservación poidan gozala e estudala.
Aínda que o termo accesible a miúdo asóciase especificamente co acceso para persoas con discapacidade, tamén inclúe ás persoas maiores e nenos pequenos. Por tanto, facer que os observatorios sexan universalmente accesibles é valioso para todos, e non só para as persoas con limitacións físicas. Cabe sinalar que as persoas cegas tamén poden utilizar con éxito este observatorio de fauna xa que poden gozar dos cantos e voces das aves e os sons xerais da natureza. Agregar instalacións con Braille mellora a súa experiencia. Os paneis tamén contan con siluetas en relevo dos distintos tipos de aves acuáticas observables para coñecelas mediante o tacto.
Este novo observatorio está construído en madeira tratada para minimizar ao máximo o seu impacto visual e conta cunha zona de aparcamento totalmente accesible. No acto de presentación a Presidenta do GDR14, Sandra González, destacou que “con este observatorio se cumpren dous dos obxectivos que ten o GDR, por un lado a posta en valor do noso medio ambiente, e por outro lado a construción dunha infraestrutura totalmente accesible a persoas con diversidade funcional, o que permitirá que calquera persoa poida coñecer o patrimonio natural desta contorna”.
O alcalde Paco Ferreira agradeceu ao GDR14 e singularmente á súa presidenta ter elixido Gondomar para levar a cabo esta actuación “que sen dúbida permitirá que tanto a cidadanía de Gondomar e do Val Miñor como aqueles que nos visiten poidan coñecer moito mellor a riqueza desta contorna”. O rexedor aproveitou para “pedir ao resto de administracións, Xunta, e concellos do Val MIñor, que “afrontemos entre todos e de maneira decidida a recuperación do Estuario de A Foz, polo seu inmenso valor medioambiental”.


